Sorrir como Daniel

Saberán que existe o Día Internacional do Fracaso ( International Day for Failure) e que se celebra cada 13 de outubro en moitos países do mundo. A finalidade é ser quen de rir dos fracasos persoais. Será porque entre un clamoroso fracaso ou un estrepitoso éxito non hai tanta distancia. Ou porque o éxito e o fracaso estreman. Eu propoño chamarlle por aquí o Día Local da Chafullada, creo que teriamos moito de que rir. Sen complexos. Sen humillacións tampouco. Simplemente porque ás veces vivimos rodeados dun éxito cutre e melindroso que se nos vende co maior dos afagos. Triúnfa o efémero, o mercantilismo, o famoseo en todas as súas ramificacións. Cada vez tendemos máis ao eloxio fácil, ás homenaxes mexeriqueiras. Eu diría que estamos enfermos de “premiíte”: dime cantos galardóns tes e direiche en que consideración te teño. Tampouco semella grave, é unha inflamación coma outra calquera. Xa vimos de todo no apartado de méritos. Houbo quen presumiu na súa biografía de ser Presidente da comunidade de propietarios do seu bloque de veciños.

Por Mariña Pérez | Ames | 08/01/2013

Comparte esta noticia
O que quero dicir é que hai que fuxir das aparencias e do ruído. Falo do mundo da cultura maiormente, pero non só.  Iso si, hai que recoñecer que somos un pobo sincero, o mesmo poñemos que quitamos. Sen concesións á memoria, eliminamos honoris causas e premios artísticos, mudamos nomes de rúas, retiramos retratos, motivos dos escudos, estatuas ecuestres, placas ou medallas (se son de cobre, mellor) Despois que chova. O tempo é un xuíz imperfecto, non é verdade que sempre poña a cada un no seu sitio, pero desordena moito, e iso dá que pensar.
 
Supoño eu que toda esa restra de festas-homenaxe que proliferan veñen insinuar unha riqueza cultural e un movemento cidadán a prol do noso. Non sempre é así. Diría que hai que estar moi atento, ter os filtros ben limpos e ser máis porosos. Tamén prestar máis atención ás obras ca aos autores e ás súas circunstancias persoais. Que a honestidade venza tanto marketing. Por veces, a proxección nos medios e nos circuítos coñecidos polo público non significa ningunha achega cultural, ou cando menos, non se traduce en ningún aproveitamento colectivo, máis alá da innegable satisfacción que produce o éxito persoal.
 
Logo, digo eu que tiña de haber un transvase popular que, fuxindo do simple escaparatismo dos premios levase implícito un éxito colectivo, unha iniciativa realmente sólida que namorase, que vencese e convencese, que fose un elo fundamental na cadea da conservación e mellora do noso  patrimonio ( tanto do material coma do inmaterial). 
 
E porque todos sabemos que non é o mesmo gañar un premio ca obter un recoñecemento, quérolles falar aquí do Premio da Crítica ás Iniciativas Culturais que este ano foi para a asociación O Sorriso de Daniel. Ou como se pode rescatar a memoria  soterrada, limpala co amor dun arqueólogo ilusionado e compartila coas xentes. Ou como se pode restaurar o románico galego e erguelo como eixe de dignidade popular. Mesmo  incorporar á vida cotiá a beleza intelixente dun chapitel que sostén o pasado.
 
Falo de lugares durmidos como Excálibur que espertan ao paso dun xurado valente que premia a dedicación, o espallamento e a posta en valor dun ben colectivo. Falo de Albeos, de San Paio de Abeleda, de Diomondi… De valos derrubados polo temporal da desidia. Falo de pezas perdidas, roubadas, vendidas, esnaquizadas. Falo, por exemplo de entrar con todo o respecto e admiración en Santa Eulalia de Bóveda, que é como deterse a respirar na boca dunha cova rupestre. Falo desa auténtica xoia arquitectónica galega na que un 95 % dos visitantes procede de Centro Europa, un 4% doutras zonas de España e tan só un 1% se corresponde con galegos que queren admirar a súa policromía secular. Falo da nosa propia ignorancia, do descoñecemento dos tesouros agochados no noso territorio que a asociación d´O Sorriso fai por redescubrir e poñer  en valor. Ese será o seu mérito e a súa bagaxe.
 
Daniel sorrí de xeito único e especial para cada visita, move as súas fazulas de pedra e os seus beizos pícaros con satisfacción románica. Permítanme apenas unhas preguntas retóricas: está o noso patrimonio cultural en mans do asociacionismo e do altruísmo particular? Sempre o estivo?  Non contesten agora, mellor á volta de publicidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Mariña Pérez Rei Mariña Pérez Rei é unha escritora amiense afincada na cidade de Santiago de Compostela. Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-portuguesa, actualmente exerce como profesora de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario. Entre a súa obra publicada destaca a poesía e a novela curta. Tamén colabora en xornais e revistas con artigos de opinión. No ano 2005 acada o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo libro Fanerógama e comeza a publicar. No 2006 obtén o Premio Manuel Lueiro Rei de novela por Canícula, editorial Sotelo Blanco. No 2009 publica o libro de poesía en edición limitada e artesanal: Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, na editorial Bourel. Un ano despois publica o libro de poesía Paquidermo na editorial Bubela co que ingresa na corrente filosófico- poética do sentimental-ISMO, e nese mesmo ano obtén o premio de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos coa narración Costa necrópole. Escenarios para deslembrar, publicada na editorial Toxosoutos. No 2011 participa nas antoloxías de poesía sentimental-istas da editorial Bubela e colabora co grupo musical Loaira.