Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/06/2020 | Actualizada ás 10:27
Verdegaia considera un "auténtico escándalo" que a Xunta sufrague, a traves Letrado da Xunta de Galicia, a defensa dos funcionarios e cargos públicos imputados en relación coa súa actuación na explotación de estaño e volframio de San Finx, en Lousame. Logo de coñecer un auto do Xulgado de Noia, que investiga presuntos delitos de falsedade en documento público, prevaricación ambiental e delito ecolóxico, Verdegaia dirixiuse ao Director Xeral de Asesoría Xurídica da Xunta solicitando a revocación con carácter inmediato da asistencia e defensa xurídica, que considera unha burla.
"Frente á existencia de indicios de actuación ilícita apuntados no proceso xudicial iniciado en decembro de 2019, danse evidentes elementos de intereses contrapostos entre a Xunta de Galicia, que debería primar a defensa da legalidade ambiental e a protección do ambiente, e os funcionarios e investigados por tales actuacións", apunta esta entidade nun comunicado.
Así, entende que isto fai que, seguindo a normativa de asesoría xurídica, se debera ter denegado a solicitude de defensa por parte dos investigados, que terían que estar representados por profesionais privados. “É un escándalo que, mentres as asociacións ecoloxistas temos que defender a legalidade e o interese público mediante avogadas, procuradoras e técnicas sufragadas por nós, as persoas presuntamente responsábeis por delitos que terían sido realizados desde a súa posición de empregados e autoridades públicas, sexan defendidas con recursos públicos", critica esta entidade ecoloxista.
Verdegaia lembra que os funcionarios e cargos investigados levaban presuntamente desde 2017 mentindo aos organismos internacionais que investigan a situación das minas de San Finx, en Lousame, en particular á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo e o Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, dependente da ONU.
O QUE FIXERON OS ALTOS CARTOS IMPUTADOS
"Frente a un informe de 2019 realizado por Augas de Galicia no que consta que as presas abandonadas pola empresa concesionaria son instalacións de residuos mineiros, os denunciados pretendían xustificar que se fixera a vista gorda alegando que se trataban de presas hidroelétricas, deixando continuar a situación de abandono, non só das presas senón tamén das miles de toneladas de residuos mineiros nelas acumulados", apunta.
As presas foron deixadas fóra intencionadamente do plan de restauración aprobado en 2009 xunto cun proxecto de explotación que non tiña en conta a contaminación causada polas drenaxes de mina. Estes proxectos foron aprobados sen o preceptivo trámite de avaliación de impacto ambiental, facendo que nin o público nin outros organismos sectoriais puideran alegar frente á “desaparición” das presas mineiras e contra a contaminación permanente do cauce, apenas 7 km augas arriba da ría de Muros e Noia.
Verdegaia critica a falta de defensa dos intereses públicos por parte da Xunta de Galicia, que contrariamente ao expresado polo Conselleiro de Economía e Industria, "non está a axudar a que se esclarezan os feitos e deslinden as responsabilidades penais de todas as persoas presuntamente responsábeis, senón a obstaculizar a investigación e, e aberto conflicto cos intereses públicos, a defender con cartos públicos os altos cargos e funcionarios baixo investigación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.