Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2020 | Actualizada ás 13:12
Unha das producións que máis sufriu o impacto do confinamento e do peche e restricións á hostalería, a carne de vacún, segue sen recibir ningún tipo de apoio ou axuda, nin por parte do Ministerio de Agricultura nin da Consellaría de Medio Rural, segundo indica o SLG.
En abril, maio e xuño apréciase un descenso ao redor dos 50 céntimos por quilo en Tenreira Suprema e outro tanto na normal. A depreciación tórnase brutal no caso da carne de desvelle que, nalgúns casos, chegou a encaixar caídas no prezo do 50%.
O sindicato "ten que denunciar o feito de que a crise fose e estea a ser utilizada por industrias e distribución para impoñer unha baixada xeneralizada dos prezos, aproveitando o abandono de funcións do Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural diante da posición de abuso coa que se extorsionan as producións labregas".
INGRESO SUPLEMENTARIO
Dende o Sindicato Labrego Galego, insisten na necesidade de activar axudas directas, de maneira urxente e a curto prazo, para o sector da carne de vacún.
Segundo o SLG, estas axudas deben estar orientadas a paliar as perdas producidas pola Covid-19 e a garantir a continuidade das granxas, moitas delas en zonas desfavorecidas. A mellor maneira de activar estas axudas, a xuízo do SLG, sería autorizar un pago adicional por becerro sacrificado que permita equilibrar os prezos.
O sindicato sigue insistindo na necesidade de ordenar a cadea alimentaria para evitar os abusos da industria que é, agora mesmo, a que impón os prezos en detrimento da IXP Tenreira Galega; e de apoiar outras vías de comercialización alternativas, como a venda directa.
GASTO "CERO"
Neste senso, o SLG denuncia que a Consellaría de Medio Rural "non gastou nada" dos 4,5 millóns de euros que contempla o Plan de Desenvolvemento Rural PDR 2014-2020 para esta última finalidade.
O comunicado a prensa conclúe lembrando que a IXP Tenreira Galega foi autorizada a conxelar carne até o 31 de decembro para non saturar o mercado e influír positivamente nos prezos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.