Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2020 | Actualizada ás 17:36
Conformen empeoran os datos da covid en Galicia vanse sucendendo as mostras de rexeitamento á xestión da Xunta de Galicia. A última plataforma en alzar a voz contra o executivo de Feijóo é a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, que ve "moi preocupante" a situación sanitaria da comunidade.
Dende a pataforma afean ó executivo autonómico que "presumira de ter controlada a pandemia" e de ter feito unha "boa xestión" da mesma ante o "repunte de novos casos" que a comunidade leva semanas padecendo. Neste contexto, a asociación vencella a "crise" actual a unha serie de causas motivadas pola xestión da Consellería.
En liñas xerais, e de acordo co denunciado polo sindicato médico CESM e a CIG, a AGDSP denuncia uns "recortes de recursos" que se manifestan, en primeiro lugar, nunha falta de rastrexadores; un tema que xa fora destacado pola plataforma. "A realidade é que se descoñece o número real de rastrexadores e se son do sistema publico, ou están externalizados a empresas privadas", defenden.
Á parte, a plataforma vencella este "recorte" ás dificultades que está a atravesar a Atención Primaria para dar abasto nas circunstancias actuais, como denunciou o CESM. "Non se recuperaron as prazas suprimidas na anterior crise", pondera a plataforma, que destaca a obriga de "crear máis de 1.000 novas prazas de persoal sanitario para facer fronte ás necesidades máis urxentes".
"Feijoo, cuxa política sanitaria se baseou nos recortes e privatizacións, continúa paralizado e botando a culpa do repunte ao Goberno Central, á poboación, aos concellos, ao sistema educativo ou aos traballadores sanitarios", aseguran. "É necesario e urxente recuperar o recortado e un cambio na orientación e organización do sistema. De nós depende parar esta desfeita!".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.