Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2020 | Actualizada ás 14:35
Proseguen as chegadas de grandes animais mariños a Galicia. Logo dun verán marcado polas candorcas, os arroaces e mesmo baleas azuis, o outono deixa nas súas derradeiras semanas outro visitante para a memoria. É a quenda dos lobos mariños, unha especie de mamífero con certa semellanza á foca que pode acadar os 300 quilogramos de peso en machos adultos.
Aínda que o lobo mariño é un animal asociado a climas máis fríos, é habitual apreciar exemplares nas costas galegas uns meses ao ano. Esta tempada do lobo mariño, que adoita estenderse de finais de ano ata o mes de marzo, arrincou este ano antes do previsto ao avistarse o primeiro exemplar na praia de Vilarrube, en Valdoviño.
O areal de Ferrolterra foi escenario para o avistamento dun cachorro macho de apenas unha semanas, que inicialmente foi confundido cun vello coñecido de CEMMA, un adulto chamado Doqui. Aínda que este exemplar marca o inicio da tempada, o certo é que Galicia xa asistiu á presenza dun destes animais no verán, cando se viu ao propio Doqui na praia de Caión. Segundo explican dende a Coordinadora, foi a “primeira vez na historia coñecida” en que un lobo mariño apareceu en Galicia no verán.
PRECAUCIÓNS
Aínda que o avistamento destes animais resulta de interese científico e, por suposto, xera a curiosidade dos viandantes, dende CEMMA piden tomar precaucións e evitar interactuar con eles. “Aínda que pensemos que nunca nos imos atopar cun lobo mariño, as posibilidades de atopalos nas praias entre Fisterra e Ribadeo, durante a tempada invernal, non é tan rara”, destacan.
O perigo á hora de interactuar con estes animais vén dada pola ampla posibilidade de que estes “baixen á terra a descansar” para “botar unha soneca tranquilamente”. “Chegan directamente dende as colonias de cría do norte e polo tanto están moi cansos”, subliñan dende a plataforma. CEMMA subliña a importancia de “non achegarse” ante o perigo de que xurda “unha resposta agresiva” que pode implicar mordeduras.
Neste aspecto, subliñan a importancia de “non bloquearlle a vía de fuxida cara ao mar” para evitar desencadear esa mesma resposta violenta. De xeito paralelo, subliñan a importancia de atar os cans, manter silencio para evitar un estado de alerta no animal, e avisar canto antes ao 112 por se o animal quedara varado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.