(Vídeo) Coñece o esforzo e sacrificio que hai detrás do marisco que comemos en Nadal

Galicia Confidencial foi á ría de Muros e Noia para coñecer os principais problemas das mariscadoras. Frío, chuvia, fatiga, toxinas e, agora, a covid. As dificultades ás que se enfronta o sector do marisqueo son moitas e moi diversas e poucos consumidores saben o esforzo que hai detrás da ameixa ou do berberecho que poñen nas mesas de Nadal.

Por Xurxo Salgado | Noia | 28/12/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Milleiros de mariscadores desafían ao frío e a chuvia estes días para tentar que outros centos de milleiros de persoas poidan gozar de producto fresco nas numerosos xantares e ceas que teñen lugar nestas datas. Así acontece na ría de Muros e Noia, unha das máis productivas de Galicia. Aquí están autorizadas 527 embarcacións con 1.081 tripulantes e 466 mariscadores e mariscadoras a pé. En total suman máis de 1.500 persoas.

Mariscadores e mariscadoras apañando ameixa e berberecho na Ría de Muros e Noia
Mariscadores e mariscadoras apañando ameixa e berberecho na Ría de Muros e Noia | Fonte: Liliana Solís

Co raño ao ombreiro e co cubo flotante en man apañan berberechos e ameixas. E, a cámara de Galicia Confidencial estivo con estas profesionais que día a día tentan gañarse o pan desafiando o tempo e, agora, a outros inimigos invisibles máis perigosos; as toxinas e a covid.

Este ano, primeiro as restricións pola Covid, e despois os peches por toxinas, están poñendo en perigo toda a campaña. Traballouse un 29% de días menos (65 fronte ao 91 do ano pasado). Unha situación que provocou descensos na produción e tamén na facturación e afecta á economía familiar de numerosas familias da comarca.

Pero os bos prezos de Nadal probablemente farán que o prezo medio anual sexa similar ao do ano pasado. Nas lonxas xa se comezou a notar unha maior demanda debido, precisamente, as comidas familiares por estas datas. Os profesionais esperan que as festas axuden a animar a produción pero prevén que a facturación non alcance os 10 millóns de euros. A metade de todo o que venderon o ano pasado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta