Digo que non quero ver máis violencia real gratuitamente, pero tampouco quero ler os correos electrónicos privados de ninguén sen o seu consentimento, e persoalmente non teño tempo de revisar tanta declaración da renda falsa feita pública, case non dou lida a miña. Hai tempo que me superou tanta documentación escabrosa, vídeos, fotos, correos comprometidos e demais escoura. É preciso acoutarmos o que realmente é imprescindible.
Non vexo a necesidade de ver como mercenarios enlouquecidos acoitelan un soldado no centro de Londres e falan despois á cámara coas mans cheas de sangue; nin como executan masivamente rebeldes capturados en Siria; como tampouco teño por que ver a ningunha concelleira masturbándose no seu domicilio, nin preciso ler correos privados de duques vidos a menos. O caso é que tampouco devezo por ler detalles de violacións masivas, autopsias de ósos de menores, nin saber das crúas intencións das redes de pederastas. Ata podo evitar ver como un fotógrafo grava a súa propia morte ou un touro lle escacha o rostro a un toureiro. E non creo que perda nada por non o ver.
Algunha reflexión a este respecto xa houbo: todos entendemos que hai imaxes que, repetidas, volven facerlles dano unha e outra vez ás vítimas. Xa non se ven con tanta alegría os impactos dos avións contra as Torres Xemelgas, nin os trens estoupados do 11 M.
A min, persoalmente chégame con que exista esa información documentada, que sexa rigorosa e contrastada, que se poida consultar como documento para quen queira acudir a el ( curiosos, xuíces, analistas, xornalistas, …) pero o feito de pasalo por televisión cada hora semella unha necesidade creada con sibilino interese na maioría dos casos, e morbosidade mal disimulada noutros. Un estado de pánico constrúese manseliño e a conciencia.
A diario podemos ver imaxes de auténticas aberracións que se repiten e circulan ata ficaren desprovistas de significado, e non me refiro só ao tan cacarexado exceso de violencia que a diario se constata na televisión en horario infantil (por certo, aínda existe un horario infantil?) Seica van volver poñer un sinal semellante aos dous rombos -eses que tanto odiabamos de pequenos- para avisar dos contidos fortes. O caso é que os nenos e adolescentes xa dispoñen de móbiles de última xeración, na maioría dos casos mellores cós dos pais, e teñen acceso libre á rede, cando non televisión propia no cuarto. Que ironía, noutros tempos loitábase por ter simplemente cuarto de seu.
Se non existe unha discriminación entre o lixo e a verdadeira información tamén o xornalismo perde autenticidade en favor dun exhibicionismo barato. Preténdese aparentar que son contidos democráticos, que con eses documentos nos fan participes da erradicación ou da denuncia; eu diría que en realidade nos involucran nunha complicidade pasiva. Co “pásao” parece que todos somos reporteiros e cámaras e redactores e locutores… soa marabilloso! O problema vén cando os contidos feden que alcatrean e nos decatamos de que fixemos das redes sociais e da televisión unha latrina informativa a onde vai parar todo o lixo indiscriminadamente.
Fíxense nos nomes que lles poñen aos principais diarios ( Faro, Progreso, Voz, Libertad, Mundo, País…) Son nomes sedutores, universais, atraentes, limpos. Despois fagan un rápido varrido nos titulares da primeira páxina e verán que hai demasiados asuntos que nin levantan a voz nin supoñen ningún progreso nin enxalzan o faro da liberdade. Zurro informativo, un pozo cego. Todos sabemos que a diario están a nos zarrapicar coas súa pestilencias. Imponse tapar ben o nariz, porque tan responsable é o emisor coma o receptor. Da preguiza paralizante que nos inunda falaremos noutro artigo, se lles parece.