O muro do silencio das residencias un ano despois: "Non hai investigación, nin medios, nin protección"

Vellez Digna e Tegra critican á Xunta e o Ministerio de Justicia por non investigar as graves negrixencias acontecidas nas residencias tras a morte de centos de anciáns, o 38% do total das vítimas de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Cangas | 11/03/2021 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

Estes días hai un ano que comezaron os contaxios e mortes en residencias –a primeira, en Celanova– e os contaxios masivos en centros como Aldán, Barreiro ou San Lázaro, que recibiron multitude de denuncias. Oficialmente son case 800 mortos en residencias galegas a día de hoxe. Case o 40% dos maiores mortos en Galica o foron nas residencias a pesar de que nelas so viven o 3 % deles e o grupo DomusVi destacouse tanto en numero de contaxios como de falecementos. "Desafortunadamente moitas residencias tamén destacaron pola súa falta de humanidade con usuarias, familiares e traballadoras", denunciou Pepe Bernárdez, voceiro de Vellez Digna.

Un traballador sanitario totalmente protexido traslada unha padiola nas inmediacións dunha residencia
Un traballador sanitario totalmente protexido traslada unha padiola nas inmediacións dunha residencia | Fonte: Europa Press.

Bernárdez criticou que DomusVi resume moitas das causas que produciron a catástrofe e a falta de asunción de responsabilidades por parte dos xestores públicos e das empresas diante de 788 mortes. "Houbo en xeral nas residencias afectadas desorganización por falta persoal, dúbidas na aplicación de protocolos, decisións erróneas por exemplo a hora de separar aos contaxiados dos demais, e se deu de forma sistemática información falsa os familiares sobre o estado de saúde dos maiores", dixo nunha rolda de prensa virtual acompañado de María Rodríguez, de ADUR, e de Sonia e Maribel, de Trega.

"As familias non imos esquecer o que pasou nin renunciaremos a que se investiguen as causas e os responsábeis do que pasou en moitos centros de grandes empresas como os de DomusVi (casos como Barreiro e Aldán) ou nos da Fundación San Rosendo no Incio (Lugo), A Farixa e Os Gozos (ambas en Ourense) ou en centros privados máis pequenos como Celanova", dixo. "Segue sen haber investigación, medios e protección", manifestou Bernárdez que tamén dixo falar en nome de Trega.

O MURO DO SILENCIO

Un ano despois, non houbo comisión de investigación parlamentaria nin tampouco se rematou realizou, de oficio, ningunha investigación xudicial sobre as residencias. "Tampouco se incrementou o persoal nin se melloraron substancialmente os recursos materiais e de vixilancia e fiscalización dos centros por parte das consellerías de Sanidade e de Política Social", criticaron Tegra e Vellez Digna.

Acto de protesta dos familiares de usuarios de residencias polas mortes en moitos centros
Acto de protesta dos familiares de usuarios de residencias polas mortes en moitos centros | Fonte: Vellez Digna

"As familias lamentamos que no Parlamento de Galicia non se teña activado a comisión de investigación que reclamamos as familias e tamén o que pasou nas consellerías de Política Social e de Sanidade", apuntou Bernárdez. E aínda que recoñeceu que mellorou o trato aos familiares e pacientes co nomeamento de altos cargos en Política Social, pide a dimisión da conselleira Fabiola García polo trato "denigrante" dado ás familias e maiores durante moitos meses.

Así, lembrou que, cando chegou a segunda onda, moitas residencias seguían igual, baixo mínimos. "Coas traballadoras sen medios, volveu haber residencias con contaxios masivos. E veu a terceira onda e volveu pasar o mesmo. Malia isto, a concelleira Fabiola García e o presidente Feijóo seguen sen poñer os medios de inspección necesarios para obrigar ás residencias a cumprir a lei", apuntou.

XUSTIZA

Por outra banda, tanto Vellez Digna como Trega denuncian a actuación da xustiza e consideran que a resposta que deron algúns xuízos as súas demandas foron "un auténtico insulto" e insisten en que a xustiza e a Valedora do Pobo non poden ser indiferente ante case 800 mortos.

"Seguimos sen saber os mortos de cada residencia antes de agosto", indicou para apuntar que segue sen haber "información clara e transaparente" do número de denuncias, das inspeccións realizadas ou das sancións tramitadas.  "A Xunta protexe con esta opacidade non so a DomusVi e á Fundación San Rosendo, tamén e outras, senon tamén a súa propia con mala xestión", dixo.

Tegra de Vellez Digna piden que se normalicen as visitas de familiares e que se solucionen as carencias de atención que aínda están a sofrir os maiores. Por iso, anunciaron unha alinaza entre traballadoras, familiares e pensionistas nunha fronte común que aspira a crear un amplo movemento social para respaldar estas demandas. "Sairemos a rúa e nos mobilizaremos por uns servizos para a dependencia 100% públicos, suficientes, variados, de calidade, de proximidade e asequibles", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O muro de silencio comezou coa declaración do Estado de Alarma e a promulgación dunha lexislación típica dun estado de excepción, confiando aos vellos e impedindo calquera acceso directo por parte dos seus familiares ! Esta falta de HUMANIDADE é a causa principal do sucedido! Cando a vida humana non merece máis atención que un comunicado no DOG ou no BOE os responsables teñen a oportunidade de seguir facendo política de lazaretos (tanto cos Residentes coma coa Cidadanía en xeral) Levantamos Muros de Silencio (en prensa muros de pago) e todos fomos responsables da implementación desta Solución Final (pechalos e aillalos ata que morran) Todos Somos Responsables de acatar esta lexislación de morte auspicida dende o SERGAS !!! E seguimos baixo estado de alarma ata o 9 de maio... e veremos se non piden prórroga !!!