Hai que ter valor para dicir iso e quedar tan ancho. Ata nos chegan a dicir cantos mortos van nesa curva no que vai de ano, nun aviso tétrico e abraiante. Sen vergoña algunha sinálase ese trazado mal feito coma un malfado co que convivir, sen asumir que o prioritario é reformalo, que é responsabilidade da administración mellorar esa curva, ese cruzamento, ese paso a nivel. Ao final a responsabilidade é dos condutores que non fixeron caso dos claros sinais de advertencia e de anticipación da catástrofe. Vostede circulaba demasiado rápido para semellante fochanca de vía. A síndrome do maquinista.
Somos moi dados a botarlle as culpas ao de embaixo, exculpando aos que nos fallan desde o deseño e esqueleto da prevención. Como tamén temos tendencia a engrandecer actitudes persoais encomiables que rematan por ser cobertura ou disimulo de malas praxes que convén silenciar. A síndrome de Angrois.
Este verán fixeime nas nosas fontes públicas. Convén proceder con coidado, non se me emocionen. Cando aínda se manteñen en pé e deitan auga, aconséllolles dar unha volta en derredor e ler o letreiro en vermello que di que a auga non é potable e que supón un perigo para a nosa saúde, acompañado, por veces, do símbolo da caveira e do veleno. Digo eu que os nenos medrarán con terror polas fontes públicas.
Por poñerlles un exemplo, resulta bastante desconcertante achegarse á antiga fonte de pedra a carón do río Eume e ao pé do mosteiro de Caveiro, e ler que se desaconsella beber da súa auga contaminada. Se non se pode beber nin na fonte das Fragas do Eume, Paraíso natural protexido xa me dirán vostedes onde se pode. Quixera poder beber da auga ceibe en Galicia, ir un día por mananciais liberados desde as Fragas do Eume ata Corcoesto.
Iso si, as nosas autoridades particípannos gustosamente desa contaminación e crúzanse de brazos despois de nos transmitir a nós a irresponsabilidade por beber desa auga sucia. Extrapolemos esta desvergoña a outras cuestións. A última é que o goberno, pide a colaboración cidadá contra a vaga de lumes provocados. Outra vez Angrois? Apélase á heroicidade persoal fronte á responsabilidade política e á competencia institucional. E non será que talvez deberan ter dotado os servizos contra incendios de medios eficaces antes do 1 de agosto e ter feito limpeza preventiva nos montes? Non sei, é unha idea que se me ocorre desde a distancia.
No tocante aos incendios forestais todo soa tan repetitivo, recorrente e apaxado, que só produce cansazo e impotencia. Iso si, haberá que seguir preguntándose unha e outra vez: Cui prodest? A quen beneficia tanto lume? Porque non hai esperanza de que mude o vento no verán. Ese nordés tolo que sopra en incompetencia natural sempre levará a culpa de arrastrar as cinsas ata a costa. E máis balóns fóra.