A intención é a recuperación dun rico patrimonio: fontes, pontes, valiosas casas en pedra comestas polas silveiras. Todo de gran valor etnográfico. Pero a idea pasa por convertela en aldea ambiental, escenario turístico. Semella un paradoxo que a aldea moderna -previamente á súa supervivencia- deba deixar de ser aldea. A aldea vangardista. A aldea 2.0. A non-aldea. Perdido o seu espírito respira coma unha exaldea. Perde significado. Muda en algo irrecoñecible, moi ecoturística, e iso si, bastante ben conservada.
Desde a aldea gala de Astérix á aldea dos devanceiros de Fidel Castro, pasando pola reconstrución de aldeas coma as da serra do Suído, ou á miña propia aldea, á que lle van desaparecendo todos os hórreos coma unha dentadura chea de caries, o sentido da aldea foise esvaecendo no tempo. Perdeu utilidade. No fondo de todo está o abandono do rural, o desleixo que temos polo monte e polo que pertence ao pasado. O despoboamento. Certa soberbia. Lume e desmemoria. E quedarán ergueitos petos de ánimas e cruceiros sen ningún significado. Pero daquela, que é exactamente o que conservamos? Non se nos perdeu algo polo camiño? Venme ao acordo aquilo que cantaba Amalia nun fado: “Pra terem feito da casa o que fizeram, melhor fora que a mandassem prás alminhas”.
Véndense pequenos anacos da Galicia máis auténtica. Aldeas recónditas a prezo de saldo para o capital estranxeiro. Galician country homes. Tamén os nosos mellores produtos gastronómicos. As adegas da Ribeira Sacra poden pasar a ser propiedade de empresas suízas, inglesas… Vostede vese na taberna pedindo un viño from the Canyon of the river Sil?
E se a cultura fose un ben humano, universal, sen darlle máis relevancia a quen a explote ou a protexa? Talvez haxa que afacerse á perda do que é autóctono, do que sentimos como noso. Se cadra non nos pertence nin a propia cultura. Só a gozamos, a xestionamos e a transmitimos. Se o patrimonio é mutable, se pode ser contaxiado por outras mans e arrequecido por outras tantas culturas, xa intuímos cal é o futuro máis ou menos inmediato. Pensemos no referente de Grecia. Disque a súa solvencia e o seu presente económico pasa por venderlle o seu rico patrimonio a Alemaña. Die Akropolis von Athen. Der Parthenon. Aínda soa un pouco forte. Desmesurado!