Se fago acordo, creo que moitos dos fumadores actuais sufriron certa presión para adquirir o hábito nos seus tempos mozos. Lembro que non habería onde mercar unha aspirina, unha compresa ou un preservativo; non habería parques infantís, garderías ou piscinas, pero tabaco e alcohol houbo a esgalla, co consentimento dos que agora encargan estudos. Celtas, Record e Ducados en cada taberna. Estes mesmos fumadores son os que están a ser criminalizados por ser pouco produtivos co seu vicio. Non se comenta que opina sobre este tema Adelson, en Madrid.
O estudo (?) faino unha farmacéutica e unha aseguradora. Punto e á parte.
A noticia non se orienta en positivo para axudar aos fumadores, non procura en primeiro termo mellorar a saúde co abandono da adicción. Primeiro comézase por facer culpable o fumador. É vostede unha peste para a empresa: produce perdas. Pouco se comenta, letra miúda, que adoitan morrer antes e así aforran un chisco. Non se sabe se, entre outros estudos-chorra, tamén se cuantificou a perda de produtividade que implican outras circunstancias persoais, coma unha cistite, a menstruación, a asma, as hemorroides… Que tal limpar os brackets? Usar lentiñas?
E seguimos a valorar ( país de celos, envexas e asexos) a produtividade dun traballador polo tempo que está encerrado no seu posto laboral, polas horas que pasa de pé, ou sentado, polo frío que soporta ou pola calor abafante. O traballador sufridor. A produtividade tanxible e física que visibiliza o castigo que supón o traballo. Pouco se valora a intuición, a experiencia que o traballador vai incorporando e transmitindo, a superación de atrancos, a dedicación á mellora da súa formación persoal, a implicación coa empresa. Agora aparece timidamente o concepto de teletraballo, sobradamente incorporado no marco laboral europeo. Canta produtividade (ou queremos dicir plusvalía?) se perde con xefes ineptos que abusan dos subordinados? Canta coa nula conciliación familiar de pais ou nais, ou de persoas con dependentes ao seu cargo? Canta co acoso laboral ou a imposibilidade de as mulleres ascenderen a postos de responsabilidade en consonancia coa súa probada valía profesional?
A experiencia di que os estudos-chorra adoitan estar orientados sibilinamente. En todas as crises nacen brazos longos que asfixian a cafeteiros, fumadores, creadores e soñadores. Non convén ser innovador, nin ir por libre, nin ter ideas propias, nin ser moi reservado. Tampouco destacar.
Agora toca minimizar o asalariado, humillalo un pouco publicamente coa deshonra de ser pouco rendible. Os medios fartáronse de recordarnos que ao volver de vacacións había que facer unha reverencia e bicar o chan que pisamos no traballo, obviando o dereito constitucional a ter un posto de traballo digno para quen non o posúe. Non é unha sorte ter traballo, nin unha lotaría, nin un favor que nos fan. É unha contraprestación, un servizo, un traballo que ha de ser xustamente remunerado, por moito que a situación catastrófica actual nos leve a valoralo máis, se cabe. A insatisfacción dun traballador causa ben máis perdas que botar un pito á chuvia. A pésima formación laboral, os horarios escravizantes que semellan máis propios de sociedades feudais, non supoñen ningún exemplo a seguir, non melloran moito o rendemento nin a implicación dos traballadores. Que orienten os estudos de produtividade por aí.
Xa sei. Vanme dicir que lea menos a Marx, ou inda van pensar que volvín ao vicio. Pois non, aguanto ben as ganas, pero déixenme desafogar, xa se sabe que os exfumadores somos os peores.