Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2021 | Actualizada ás 13:08
Galicia eleva a sete concellos a nivel máximo de restricións debido á situación epidemiolóxica pola Covid-19, entre os que se inclúen os turísticos de Sanxenxo, Boiro, O Grove e Cambados, mentres que 29 estarán en nivel alto, entre eles as cidades de Vigo, Pontevedra e Ourense debido ao incremento da incidencia, o que supón un 35% da poboación.
A cuestión dos niveis de restricións gaña de novo impacto tras o anuncio dos novos límites ás reunións, xa que estas --sempre que sexan entre non conviventes-- estarán prohibidas entre a 1,00 e as 6,00 horas nos municipios con nivel máximo e alto de restricións. No caso dos municipios en nivel medio e alto, onde segue aberto o lecer nocturno, as reunións de non conviventes estarán prohibidas entre as 3,00 e as 6,00 horas
Así o anunciou este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa para informar as medidas adoptadas polo comité clínico, e puntualizou que no nivel máximo haberá un 3,3% da poboación galega.
En concreto, en nivel máximo de restricións desde este sábado estarán a localidade de O Barco na provincia de Ourense; as pontevedresas de Cambados, Sanxenxo, Meaño e O Grove; e as coruñesas da Pobra do Caramiñal e Boiro.
Pola súa banda, en nivel alto inclúense 29 municipios, catro deles na provincia ourensá: Ourense, Avión, Barbadás e O Carballiño; oito na coruñesa: Porto do Son, Carballo, Fisterra, Oleiros, Vimianzo, Arzúa, Ribeira e Melide; cinco na lucense: Burela, Viveiro, Cervo, Foz e Ribadeo; e 12 pontevedreses: Vigo, A Illa, Vilagarcía, Vilanova, Marín, Poio, Pontevedra, Baiona, Gondomar, Nigrán, O Rosal e Tomiño. Iso supón, puntualizou o mandatario galego, un 31,4 por cento da poboación de Galicia, unhas 849.000 persoas.
Mentres, o 65 por cento dos galegos seguirá en nivel medio ou medio-baixo, que implica 277 municipios, que abarcan unhas 1.765.000 persoas, segundo matizou o titular da Xunta.
NIVEL MEDIO
En concreto, en nivel medio inclúense 38 localidades: Beariz, Entrimo, Boborás, Maceda, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao, Ribadavia e Vilamartin de Valdeorras na provincia de Ourense; e Sarria, Mondoñedo, Lugo e Vilalba na de Lugo. Na provincia coruñesa inclúense os concellos da Coruña, Culleredo, Cambre, Sada, Ames, Muros, Noia, Oroso, Santiago, Teo, Fene, Ferrol e Mugardos.
E na provincia de Pontevedra están neste nivel Meis, Silleda, Pontecesures Ribadumia, Caldas de Reis, Redondela, Bueu, Ponte Caldelas, A Guarda, Moaña, Mos, O Porriño e Tui. O resto de localidades enmárcanse no nivel medio-baixo. Con todo, as restricións destes niveis cambian tras o acordado polo comité clínico este martes e anunciado polo presidente da Xunta este mércores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.