O PPdeG pide exhumar foxas franquistas a pesar de que Casado quere derogar a Lei de Memoria Histórica

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2021 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

O PPdeG quere un compromiso co cumprimento das medidas recollidas na Lei de Memoria Histórica e, aínda que non cita a normativa expresamente, pide que Xunta e Estado "continúen colaborando no proceso de exhumación de vítimas da Guerra Civil e represión franquista", unha colaboración que se iniciou este ano.

Así mesmo, os populares galegos avogan por que a Administración Xeral o Estado realice as actuacións "pertinentes" para reclamar a propiedade dos bens con valor cultural vinculados ao lugar histórico de Meirás, así como a Casa de Cornide, as estatuas de Isaac e Abraham do Mestre Mateo "incorporadas irregularmente ao patrimonio do ditador Francisco Franco".

Nese caso, reclama que a xestión debe cederse "no prazo máis breve" á Xunta de Galicia, "como lexítima representante do autogoberno galego".

Preguntado en rolda de prensa sobre se con esta iniciativa apoian por tanto a lei de Memoria Histórica que o líder do PP, Pablo Casado, afirmou que derrogaría en canto chegue ao Goberno central, o viceportavoz do Grupo Popular e secretario xeral do partido, Miguel Tellado, dixo que os populares "están a favor de cumprir a lexislación vixente e facer cumprir".

Neste sentido, rexeitou que outros partidos traten de "patrimonializar" leis. Preguntado sobre se teme que moleste en Xénova esta iniciativa, reivindicou a xestión da Xunta e a súa "responsabilidade" de "defender o interese xeral por encima de calquera cuestión".

Imaxe dun pico na foxa aberta
Imaxe dun pico na foxa aberta | Fonte: X.A.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta