Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/10/2021 | Actualizada ás 21:15
Os galegos pagan un 10% máis caro o carburante nas gasolineiras pola falta de estacións de servizo automáticas na rexión, que exercen unha presión competitiva que obriga ao resto de gasolineiras a baixar para poder competir. A esta conclusión chegou a Asociación Nacional de Estacións de Servizo Automáticas tras analizar e distinguir por tipo de gasolineira os prezos dos diferentes establecementos galegos.
Segundo sinalan no estudo, a diferenza de prezos entre as gasolineiras automáticas e as tradicionais oscila entre os 15 céntimos e os 10 céntimos por litro en gasolina e entre os 16 céntimos e os 12 céntimos por litro en gasóleo.
Así, por provincias, A Coruña é a que máis diferenza presenta. En concreto, nesta provincia a gasolina pódese atopar ata 15 céntimos por litro máis barato nas automáticas e no gasóleo ata 16 céntimos. En canto á gasolina, Lugo sería a segunda cunha diferenza de 11 céntimos en gasolina 95, mentres que Pontevedra e Ourense serían as últimas marcando a mesma diferenza: 10 céntimos. No diésel, Pontevedra é a segunda provincia que presenta a maior diferenza (15 céntimos), seguido de Lugo (14 céntimos) e Ourense (12 céntimos).
Dende a Aesae destacan que esta diferenza potenciouse por mor do aumento de prezos, que o pasado 5 de outubro alcanzou un novo máximo e que supuña un incremento do 20% no que levamos de ano. “Que Galicia sexa unha das Comunidades que máis se viron afectadas é, entre outros factores, pola falta de competencia neste sector”, explica Manuel Jiménez Perona, presidente de Aesae.
Neste sentido, Galicia é unha das Comunidades que menos gasolineiras automáticas ten, xa que apenas estas representan o 5% do total, e o mercado está dominado por grandes operadores, o que fai que os prezos se disparen. “Pero se nos fixamos nas posibilidades de aforro nas distintas provincias, detectamos que a Coruña ten unha maior presión competitiva que o resto, por iso marca prezos máis baixos”, afirma o presidente de Aesae.
Esta diferenza, para un depósito de 55 litros supón un aforro anual duns 243 euros en gasolina e uns 291 euros en gasóleo, o que equivale case un 1% do orzamento familiar. “Se se fomentase a implantación das gasolineiras automáticas na rexión, axudaría a diminuír o Índice de Prezos de Consumo (IPC) galego que se viu enormemente afectado tanto pola subida de carburantes como polo prezo da luz das últimas semanas”, comenta Jiménez Perona. Así, desde Aesae inciden en que o incremento de gasolineiras automáticas axudará aos galegos para aforrar e destinar parte dese aforro a outras partidas familiares do orzamento familiar que se viron afectadas pola subida da inflación.
CAUSAS DOS MENORES PREZOS
Desde Aesae sinalan que o motivo principal de que este tipo de gasolineiras presenten prezos máis baixos é grazas a que a súa estrutura de custos é moito menor que a que teñen as grandes marcas e contan coa liberdade de comprar o carburante ao operador autorizado que presente o mellor prezo, trasladando ese aforro ao consumidor. Ademais, este tipo de estacións non contan cunha gran parcela “o que fai que se abarate o investimento para realizar, do que tamén se beneficia o consumidor”, explica Jiménez Perona.
Desde Aesae, sinalan que o emprego do sector non se perde, senón máis ben ao contrario.En concreto, apuntan dende a entidade, este ano as gasolineiras automáticas crearon en Galicia un centenar de postos de traballo para atender estes novos negocios. O papel dos empregados das gasolineiras automáticas evolucionou do expendedor tradicional ao dun técnico de mantemento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.