A parvidade feminina e algunhas atenuantes

Ao compás da entrada dunha nova borrasca e de alertas no mar semella que nos temos que ir afacendo tamén a escoitar a lamentable morte dunha muller a mans da súa parella, coma se o inverno tivese estas cousas. Soa coma un canto de serea diario, repetitivo e oco. Convoca ouvidos perversos. Ultimamente a nova vén apostilada cunha preocupante “atenuante”, non sei se chamala moral: a escusa de matala polo seu ben, para evitarlle sufrimentos presentes e futuros. A morte por compaixón.

Por Mariña Pérez | Ames | 01/03/2014

Comparte esta noticia
Resulta maquiavélico apelar os sentimentos da vítima. Non resulta crible, pero pode chegar a confundir. Semella que comezou pola terceira idade en casos de dependencia  que arrastraban a certa conmiseración. Aparentar tenrura e amor para diminuír a gravidade do acto criminal. Pero o asasino nunca é tenue. Nin poético. Só é brutal, por moitas atenuantes que aduza. 
 
Como explicar que o sufrimento é talvez un dos actos máis libres do ser humano? Tanto como amar ou criar. E que non depende de marido nin de xuíz.
 
En que momento pasaron algúns homes a ser testaferros das mulleres e os seus sentimentos? Gardiáns, vixilantes, custodios co deber de supervisar e controlar as súas emocións presentes, pasadas e futuras. Tampouco sei certo se a crise é un viveiro de casos de homes que pretenden aforrarlle certos trámites vitais ás súas donas, pero o que parece constatado é que aparece de novo a idea da muller-val-de-bágoas, a que naceu para cargar con infinitos melodramas familiares. A muller indefensa, neurótica, sen recursos emocionais nin ideolóxicos. Eses espíritos muliebres. Todas anas kareninas de segunda, atenuadas pola carga de vivir  a propia parvidade.
Nunha nova recente lin que unha muller resultou exculpada por conducir ebria; a policía non chegou a determinar se o estraño arrandeo ao camiñar se debía ao alcohol ou aos finos tacóns que levaba. Tacón, tacón, tacón, punta, tacón. Así que a vestimenta afecta á multa e serve de atenuante? Que pasa se o condutor ou a “condutriz” é punk, ou gótica, ou supermodel? Xa estamos estigmatizando. Hai que recoñecer que algunhas mulleres saben utilizar o seu físico e aparentar ser medio parvas cando son moi listas. (Que digo, algunhas, non será a historia da humanidade…?). E ás veces o cromosoma Y goza rendéndose a esa imaxe, sexa desvalida ou poderosa, parva ou icónica. E isto sucede tanto nun control de alcoholemia rutineiro nunha estrada secundaria coma no Palacio do Elíseo.
 
Non se me lea mal. Falo desa sedución feminina ensaiada como atenuante de parvice. Ollada un chisco miope, aires de Marilyn, goma de mascar de menta… Funcionar funciona, pero non creo que favoreza moito o xénero.
 
O caso é que a actualidade segue a supoñer certa parvidade nas femias en todos os planos.Un aquel de dependencia emocional que nos reduce. Algunhas escusas femininas non axudan moito: O “confío no meu home, eu diso non entendo” fraco favor nos fai. Aínda fan falta moitas cicloxéneses para mudar tendencias e atenuantes.
 
Nin parvas nin monecas nin tordas nin indefensas nin ignorantes. A ver se nos deixan sufrir e ter as multas en paz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Mariña Pérez Rei Mariña Pérez Rei é unha escritora amiense afincada na cidade de Santiago de Compostela. Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-portuguesa, actualmente exerce como profesora de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario. Entre a súa obra publicada destaca a poesía e a novela curta. Tamén colabora en xornais e revistas con artigos de opinión. No ano 2005 acada o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo libro Fanerógama e comeza a publicar. No 2006 obtén o Premio Manuel Lueiro Rei de novela por Canícula, editorial Sotelo Blanco. No 2009 publica o libro de poesía en edición limitada e artesanal: Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, na editorial Bourel. Un ano despois publica o libro de poesía Paquidermo na editorial Bubela co que ingresa na corrente filosófico- poética do sentimental-ISMO, e nese mesmo ano obtén o premio de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos coa narración Costa necrópole. Escenarios para deslembrar, publicada na editorial Toxosoutos. No 2011 participa nas antoloxías de poesía sentimental-istas da editorial Bubela e colabora co grupo musical Loaira.