Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/11/2021 | Actualizada ás 20:40
Buracos negros "de todas as formas e tamaños" veñen de ser publicados no novo catálogo de ondas gravitacionais grazas á colaboración de LIGO, na que participa a USC, xunto con Virgo e KAGRA. Publicado este luns, trátase do maior catálogo de colisións de buracos negros e estrelas de neutróns, que actualiza a lista de todos os eventos de ondas gravitacionais observados ata a data con eventos observados entre novembro de 2019 e marzo de 2020.
Segundo sinalan dende a USC, para a realización do catálogo empregáronse tres detectores internacionais: os dous detectores do Observatorio Avanzado de Ondas Gravitacionais por Interferómetro Láser (LIGO) en Luisiana e o estado de Washington nos Estados Unidos, e o detector avanzado Virgo, en Italia. Os datos destes tres detectores foron "coidadosamente analizados" por un equipo científico da Colaboración Científica LIGO, a Colaboración Virgo e a Colaboración KAGRA.
E dos 35 eventos detectados, 32 son probablemente fusións de buracos negro: é dicir, dous buracos negros que viran un ao redor do outro e finalmente se unen, nun evento que emite un refacho de ondas gravitacionais. Mentres tanto, dous dos 35 eventos detectados poderían ser estrelas de neutróns e buracos negros que se fusionan, un evento moito máis raro e que só se descubriu na última serie de observacións de LIGO e Virgo.
Destas raras fusións de estrelas de neutróns e buracos negros, un evento parece mostrar un buraco negro masivo (unhas 33 veces a masa do noso Sol) cunha estrela de neutróns de moi baixa masa (unhas 1,17 veces a masa do noso Sol). Trátase "dunha das estrelas de neutróns de menor masa xamais detectadas". Dende a USC destacan que as masas dos buracos negros e das estrelas de neutróns son pistas chave para saber como viven as estrelas masivas e como morren nas explosións de supernovas.
Ademais, indican que os buracos negros catalogados son de distintos tamaños e o máis masivo ten unha masa 90 veces superior á do noso Sol. Varios dos buracos negros resultantes destas fusións superan 100 veces a masa do noso Sol e clasifícanse como buracos negros de masa intermedia. Este tipo de buraco negro foi teorizado durante moito tempo polos astrofísicos e estas últimas observacións de LIGO-Virgo- KAGRA confirman que "esta nova clase de buracos negros é máis común no universo do que se pensaba".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.