Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/11/2021 | Actualizada ás 09:35
A ORGACCMM vén de denunciar que as modificacións da lei de montes que impulsa o Partido Popular "teñen como obxetivo a eliminación dos montes veciñais en man común, que son unha seña de identidade do noso país".
Segundo indican dende a organización, estas modificacións á actual lei vixente faríanse mediante a lei de acompañamento aos orzamentos xerais de Xunta para o ano 2022. Así, a ORGACCMM fai un chamamento ás entidades e organizacións que viven, traballan ou xestionan o medio rural para que rexeiten estas modificacións.
A Organización Galega de Comunidades de Montes indica que, de saír adiante esta lei, "bastará con que a Conselleria do Medio Rural declare un monte veciñal en estado de grave abandono ou degradado para que este sexa enaxenado e entregado a unha empresa forestal para que o explote". Esta declaración de monte veciñal abandonado pode basearse en cuestións "meramente burocráticas" como pode ser non enviar a tempo do listado da veciñanza comuneira.
Ademais, dende a organización destacan que coas modificacións que plantexa o Partido Popular, de ser o caso, o monte comunal entregaríase por 50 anos e a veciñanza comuneira non podería recuperar a xestión do seu monte veciñal ate pasado ese tempo. Algo que "fai inviable unha continuidade ou recuperación da xestión comunal do monte".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.