As políticas sociais son "fundamentais" na relación Galicia-norte de Portugal no Eixo Atlántico, di Tomé Roca

O presidente da Deputación de Lugo lembrou o "compromiso" do organismo provincial, que destina máis dun terzo do total dos Orzamentos provinciais, é dicir, máis de 34 millóns de euros aos servizos públicos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2022 | Actualizada ás 19:59

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu este xoves a Comisión de Política Social do Eixo Atlántico, onde cualificou as políticas sociais de "ferramenta fundamental" para "garantir e promover" a cohesión social e económica entre Galicia e o Norte de Portugal.

Á reunión tamén asistiron o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; a tenente de alcalde do Concello de Ribeira, María Sampedro; a vereadora de Cohesión Social da Cámara Municipal de Braga, Carla Sepúlveda; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e o vereador de Gaia e presidente do Grupo de Traballo de Deportes, Guilherme Aguiar, así como Rita Fidalgo, Enma Ben, Roberto San Salvador e Fernando Villatoro, do Eixo Atlántico

Tomé Roca sinalou que as políticas sociais teñen especial relevancia para o mundo rural, "sobre todo no rural galego marcado por un índice de envellecemento elevado e un alto grao de dispersión da poboación, que dificulta o acceso aos servizos públicos". Neste sentido, o presidente lembrou o "compromiso" da Deputación, que destina máis dun terzo do total dos Orzamentos provinciais, é dicir, máis de 34 millóns de euros.

Este investimento débese, sinalou Roca, a dous motivos: "porque a Comunidade autónoma non cobre as necesidades que ten a provincia de Lugo" e "porque só así se garante a calidade de vida dos veciños lucenses, sobre todo daquelas persoas con máis risco de exclusión". No que respecta ás políticas sociais, José Tomé remarcou o modelo de atención ás persoas maiores que ten en marcha a Deputación "como instrumento que converte os desafíos do reto demográfico nunha oportunidade de desenvolvemento para o rural".

Explicou que son residencias "cunha xestión 100% pública, nas que se aplica un modelo asistencial de calidade e centrado nas persoas, non no negocio". "Centros de pequeno tamaño, cunha media de 30 usuarios, que son atendidos por unha media de 25 traballadores; practicamente un traballador por usuario", detalla. Ademais, puntualiza que favorecen o arraigamento porque están situadas no rural e porque no acceso ás prazas teñen prioridade os propios veciños deses concellos, da comarca e da provincia".

"Con estes centros estamos a crear emprego estable e de calidade no rural, sobre todo feminino, e estamos a dinamizar as economías locais, porque promovemos que as residencias se abastezan, de forma preferente, de produtores e de comercios da contorna", insistiu Tomé Roca. Remarcou ademais que lideran unha proposta para que se destinen fondos europeos á mellora da mobilidade no rural para fixar poboación no territorio e para atraer turismo.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta