Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 05/04/2022 | Actualizada ás 22:00
-A siuación de paro no transporte, aínda que se chegase a un acordo, hai transportistas que continúan co paro pedindo melloras dentro do xa mencionado acordo. Cal é a valoración que fan desde a Consellería sobre os acordos entre Goberno central e transportistas e a posición doutros profesionais do transporte mantendo unha postura de non aceptar o acordo?
Dende o primeiro momento, instamos ao Goberno central a sentarse con todas as organizacións e entidades que convocaron o paro e a non agardar tanto para tomar medidas. Non se nos fixo caso e perdemos un tempo moi valioso que, no caso do sector agroalimentario, xerou importantes prexuízos para os agricultores, os gandeiros e os silvicultores. O plan enunciado por Sánchez chega cando xa existe un clamor social para pedir medidas para conter a alza de prezos. Trátase dun plan tardío e insuficiente. Como é habitual, Sánchez non pide apoios para este plan, senón que esixe adhesións inquebrantables. O Goberno central tiña que ter actuado de forma inmediata e non se entende que esperase tanto para aprobar medidas que axuden a paliar situación actual.
-En canto ten influído economicamente este paro de transporte en sectores como o leite, produtos de horta, cultivos como cereais, madeira e sector cárnico? Canto tardarían en recuperarse estes sectores das perdas acumuladas?
É prematuro avaliar as perdas. Houbo gandeiros que tiveron que tirar o leite e tivemos que insistir por parte da Xunta á Delegación do Goberno para que se habilitaran corredores seguros que paliaran a situación. Se non é por esa insistencia, as consecuencias terían sido aínda peores. Neste sentido, tamén hai que sinalar que as industrias lácteas non puideron sacar produto e tampouco os matadoiros a súa carne.
Como é habitual, Sánchez non pide apoios para este plan, senón que esixe adhesións inquebrantables
Arquivo - Vacas durante unha mostra de gando. Foto de arquivo.. Rafael Bastante - Europa Press - Arquivo
-Comezará agora unha revisión dos prezos agrarios que perciben os e as agricultoras e gandeiras polos seus produtos? (incrementos de prezos no litro de leite, no quilo de carne, nos produtos hortofrutículas)
Levamos tempo poñendo enriba da mesa que se está a dar unha situación de venda a perdas xeneralizada, especialmente no sector gandeiro. Denunciamos esta realidade aportando datos contrastados e urximos o cumprimento efectivo da lei da cadea alimentaria, un texto aprobado polo Goberno central sen ter en conta as nosas achegas e que, por iso, quedou en papel mollado. Así, non nos cansamos de demandar que se permitise usar a aplicación informática Conta Láctea como mecanismo para acreditar oficialmente os custos de produción dos gandeiros. Este sería o paso previo para reforzar o papel dos gandeiros nas negociacións dos prezos.
Ademais, reclamamos ao Ministerio de Agricultura que, dentro das súas competencias, promovera un gran acordo entre a distribución, a industria e os gandeiros a nivel nacional para incrementar o prezo actual dos contratos de venda de leite cunha prima de emerxencia que garantise a viabilidade do sector. Tampouco se nos fixo caso e díxose que esta medida ía contra as normas da competencia, sen aportar informes técnicos que avalasen esa teoría.
Tamén lle solicitamos ao Goberno central que habilitase mecanismos de control para frear a venda a perdas e que contribúa co financiamento necesario e cos medios técnicos para que as comunidades poidan desempeñar as súas novas competencias nesta nova materia. Galicia xa anunciou que vai crear a súa propia Axencia de Información e Control Alimentario, pero precisa eses fondos para poñela en marcha.
Nesta mesma liña, tamén quero destacar aquí o acordo acadado entre os diferentes elos da cadea de valor para frear a venda a perdas no vacún de carne, un protocolo pioneiro asinado en Galicia e para Galicia, pero que pode servir perfectamente de referencia para outros sectores, como o lácteo, a nivel nacional. Por iso pedimos ao Estado que o que nos facemos coa carne o aplique tamén ao lácteo, co fin de atallar a venda a perdas nese eido produtivo clave do noso rural.
-O Goberno central anuncia 6.000 millóns (luns 28 de marzo) para afrontar a crise actual derivada da guerra. Haberá baixas de 20 céntimos no combustible para toda a cidadanía, 6.000 millóns en axudas directas e 10.000 millóns en empréstitos ICO. Avaliaron xa como poden afectar estas medidas ao sector agro-gandeiro e forestal en Galicia? Pediría a Xunta de Galicia a xestión polo menos de parte deses fondos e axudas?
Tardouse en adoptar as medidas e veremos cal é o seu impacto real. Nós, pola contra, actuamos dende o minuto un para apoiar os sectores primarios. Así, no caso de Galicia xa anunciamos unha inxección de liquidez pola vía do financiamento de circulante e do anticipo de axudas, especialmente os 200 millóns de euros da PAC. Ademais, reclamamos ao Banco de España que autorizase ás entidades financeiras a concesión dunha moratoria dun ano no pago das amortizacións dos préstamos a longo prazo que teñen vivos neste sector.
A maiores, neste mesmo sentido, a Xunta instou ao Estado a deseñar conxuntamente coas comunidades un paquete de axudas directas destinadas ao sector gandeiro español, tendo en conta a súa importancia económica, social e medioambiental en Galicia. Non en van, a galega é a primeira comunidade produtora de leite de España e a terceira de carne vacún.
Así, tras o anuncio da Comisión Europea de que España recibirá 64,5 millóns de euros do fondo de crise para apoiar a gandeiros e agricultores, a Xunta urxiu ao Goberno a que se comprometa a achegar outra cantidade similar, asegurando tamén que as comunidades deben facer o propio entre todas. Neste caso, precisou que a Administración galega apoiará con fondos propios e na cantidade que corresponda ao sector.
A maiores, cabe destacar que a Xunta creará o Observatorio da cadea alimentaria galega como organismo emisor de informes sobre a situación económica dos diferentes ámbitos do sector primario galego, e a Axencia de Información e Control Alimentario de Galicia para dar cumprimento ás obrigas da Lei da cadea alimentaria, singularmente a prohibición da venda a perdas. Para isto último, cómpren medios técnicos e orzamentarios provenientes do Ministerio, ao supoñer asumir unha competencia súa. Tamén se porá en marcha o Observatorio lácteo, onde se escenificará a relación entre os elos desta cadea de valor.
Galicia xa anunciou que vai crear a súa propia Axencia de Información e Control Alimentario, pero precisa fondos para poñela en marcha.
-Centrándonos máis en Galicia, cales son os eixos do acordo entre a cadea de valor do sector cárnico e Ternera Gallega para frear a venda a perdas e dignificar o prezo da carne de vacún? Que sucede coas outras carnes?
Trátase dun acordo histórico, coordinado pola Xunta, para frear a venda a perdas no vacún de carne. Así, a cadea de valor deste sector e a indicación xeográfica protexida (IXP) Ternera Gallega subscribiron un protocolo de entendemento que busca garantir o futuro das explotacións dignificando as rendas dos gandeiros, ao tempo que se fai un chamamento ao Estado para que faga o propio a nivel nacional co lácteo. A vía histórica para a carne que se abre en Galicia responde ás particularidades da IXP Ternera Gallega que permite que este protocolo se poida firmar no noso ámbito autonómico, xa que todos os seus canais certificados proceden de explotacións gandeiras localizadas en territorio galego, os animais tamén son sacrificados en instalacións situadas en Galicia e o 60% da súa produción comercialízase en territorio da nosa comunidade.
En concreto, para garantir prezos de venda adaptados aos custos de produción e rendas dignas para os gandeiros, ínstase a incluír nos contratos de compra aos produtores unha cláusula na que se faga referencia a este protocolo, que estará vixente deica o 31 de decembro. Nesa dirección, as partes comprométense a ter en conta e aplicar nas súas relacións comerciais as conclusións dos estudos e informes sobre custos elaborados polas autoridades de execución autonómicas previstas na Lei da Cadea Alimentaria, sen prexuízo da súa autonomía e liberdade na fixación de prezos nos contratos, sempre cumprindo a normativa existente.
-Por que se chamou con anterioridade (o venres 25 de marzo) a Unións Agrarias (UU.AA) e se convocou ás demais organizacións sindicais para o luns 28 de marzo ás 12:00 para asinar o documento sobre os prezos da carne de vacún?
Este é un acordo aberto a todo o mundo, que se enmarca no traballo constante da Xunta para a potenciación deste eido produtivo, un labor que se está a desenvolver na actualidade no marco da Estratexia de dinamización do sector cárnico de Galicia na que se continúa a avanzar. Así, o protocolo asínase consonte aos encontros mantidos ultimamente con gandeiros e con representantes das industrias cárnicas e lácteas e, insisto, está aberto a todos os representantes do sector, dende a produción ata a distribución, pasando pola industria.
A Xunta instou ao Estado a deseñar conxuntamente coas comunidades un paquete de axudas directas destinadas ao sector gandeiro español
-Para cubrir as necesidades do sector gandeiro, vanse realizar importacións de cereal e outros insumos para a alimentación do gando? Abriranse novas canles de importación como se mencionou no seu día (América Latina) e significará isto o aumento de prezos na produción cárnica e láctea?
A regulación do comercio exterior é unha competencia do Estado, por iso lle pedimos, dende o primeiro momento, que flexibilizase as condicións de importación de cereal dende países como Brasil, Arxentina ou Estados Unidos, fronte a parálise das exportacións dende Ucraína, a causa da invasión rusa daquel país. Valoramos as xestións que se teñen feito neste sentido e pedimos axilidade ao respecto e que se afonde neste tipo de medidas.
-Cren necesario incrementar o cultivo de cereal en Galicia para autoconsumo e reducir en parte as importacións?
Dentro das actuacións propostas pola Xunta no marco da conferencia sectorial, apelamos á necesidade de flexibilizar a PAC para ampliar as superficies destinadas ao cultivo de cereais, de oleaxinosas e para a alimentación do gando. Son accións como a diversificación de cultivos, no sentido de flexibilizar as esixencias da UE sobre a sementeira de tres cultivos (rotación) para aqueles agricultores que teñan máis de 30 hectáreas de terreo, ou dous para os que declaren entre 10 e 30 hectáreas. Tamén, propúxose non aplicar nesta campaña da PAC a obriga, para as explotacións de máis de 15 hectáreas, de dedicar o 5% desa extensión a superficies de interese ecolóxico.
Nesta mesma liña tamén camiñan a Lei de recuperación da terra agraria, cos seus diferentes instrumentos -especialmente os polígonos agroforestais-, ou o Plan de pastos de Galicia, que se integra no Programa de aproveitamento de pastos e forraxes no monte e o establecemento de sistemas silvopastorais do Plan Forestal de Galicia.
Ínstase a incluír nos contratos de compra aos produtores unha cláusula na que se faga referencia a este protocolo, que estará vixente deica o 31 de decembro
-Indo ao problema do abandono rural, nestes momentos cales son as conclusións da Consellería sobre o éxodo no agro galego e que posibles solucións lle ven? Haberá axudas para implantar TIC no rural, mellora do parque móbil agrícola (tractores, etc), axudas ás novas xeracións para quedar no agro?
O reto demográfico constitúe unha das prioridades do Goberno galego desde hai tempo. Así, Galicia leva anos traballando para superar o reto demográfico, un dos maiores desafíos que comparte co resto de comunidades autónomas. Para superalo, o Goberno galego ten deseñado unha ampla batería de medidas para facer de calquera parte de Galicia o lugar ideal para formar unha familia e para vivir.
A Lei de Impulso Demográfico, a primeira que se aprobou en España, aborda todos os aspectos que desde a Xunta consideramos fundamentais para superar o gran reto do século XXI, desde a apertura de centros públicos de infantil e primaria en concellos pequenos para desenvolver actividades de conciliación antes da xornada lectiva, ata a posta en marcha de políticas activas de emprego, orientadas sobre todo á xuventude e á poboación das zonas rurais; o desenvolvemento de servizos itinerantes ou fixos de centro de día e atención ao alzhéimer nas zonas rurais; un réxime de incentivos ao desenvolvemento e de bonificacións impositivas autonómicas no medio rural; instar ás Administracións públicas a ter en conta o envellecemento da poboación no medio rural e costeiro non urbano no deseño das políticas e os servizos públicos; e a garantía da accesibilidade dos servizos básicos de tipo educativo, sanitario e social, entre outras.
Ademais, outro dos piares fundamentais para acadar este obxectivo céntrase en ofrecer facilidades para de conciliación para todas as familias, tanto aquelas que teñen ou queren ter fillos como as que non, e procurar, na medida do posible, que a decisión non se vexa condicionada por motivos económicos ou de conciliación relacionadas co lugar de residencia. Para iso a Xunta creou en 2016 as casas niño; pequenas escolas infantís gratuítas que están situadas en municipios pequenos do rural que non teñen ningún outro recurso de conciliación. E, para aquelas familias que teñen unha persoa maior ao seu cargo, creou as casas do maior, pequenos centros de día completamente gratuítos para ata 5 persoas, en concellos que carecen doutro recurso semellante. Tamén vén de poñer en marcha o programa de Coidados Porta a Porta, que ofrecerá diferentes servizos ás persoas maiores de xeito itinerante por todos os concellos de Galicia, agás as sete cidades. Así, en cada unha das unidades móbiles realizaranse revisións e valoracións auditivas; prestaranse servizos de podoloxía para previr, diagnosticar e tratar as principais patoloxías dos pés; e realizaranse probas de valoración cognitiva e exercicios de estimulación para previr o alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.
Polo demais, o labor a prol da fixación de poboación no rural ten carácter transversal na Xunta. Así, por exemplo, desde a área de Emprego e Igualdade estase a traballar na implantación de 12 Polos de Emprendemento no rural (o primeiro deles estará situado en Verín), un proxecto ao que este ano se destinarán 12 millóns de euros. Actúase, ademais, para mellorar as capacidades dixitais para o emprendemento feminino nas contornas rurais, mediante un novo programa que pretende chegar a 10.000 mulleres e cun investimento previsto de máis de 5 millóns de euros.
A maiores, desde a área de desenvolvemento rural, apóianse tanto os sectores agrogandeiros como todas as actividades que dinamicen este espazo, xa sexan as relacionadas coa incorporación de novas tecnoloxías, aquelas destinadas a mellorar a eficiencia enerxética ou, en xeral, a activar o tecido empresarial e o emprego. Falamos, por exemplo, da medida Leader. Dentro dela, no período 2014-2020 aprobáronse preto de 1.500 proxectos cunha axuda pública de 71,5 millóns de euros, consolidando máis de 3.200 empregos e creando outros preto de mil novos postos de traballo.
Neste contexto hai que situar tamén as importantes axudas para plans de mellora, para creación de pequenas explotacións e para incorporación de mozos, unha das liñas máis destacadas dentro da Consellería do Medio Rural. Estas achegas supuxeron, nas últimas cinco convocatorias, unha inxección no rural galego de 253 millóns de euros, con máis de 6.300 beneficiarios.
Ademais, nesta mesma liña, cómpre mencionar aquí o impacto positivo que xa está a ter no noso rural a aplicación da Lei de recuperación da terra agraria, con iniciativas como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais. Son proxectos que non só contribúen a ordenar o rural, senón tamén á súa dinamización económica e social dende unha perspectiva de sustentabilidade ambiental.
-Unha cuestión sobre o agro son os montes en man común e a lexislación relacionada con eles. Na última reunión do Consello Forestal pediuse aos axentes que asistiron unha serie de propostas de cara reformar a lexislación sobre este tipo de propiedades. En que é necesario cambiar a lei de montes en man común e cales serían as utilidades saídas destes cambios?
A lei de montes veciñais en man común de Galicia data de 1989. Nestes máis de trinta anos cambiou de xeito significativo a realidade forestal da nosa comunidade. Cómpre, pois, actualizar a normativa e mellorala naqueles aspectos nos que se considere oportuno, de maneira consensuada e sempre pensando na sustentabilidade social, económica e ambiental desta figura. Por iso precisamente imos abrir unha consulta pública previa, co fin de que cadaquén faga as aportacións que considere oportunas e se poida enriquecer o texto legal.
A maiores, compre engadir que a necesidade deste cambio normativo está prevista na 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia “cara a neutralidade carbónica”, aprobada en outubro pasado, así como nas recomendacións do ditame da comisión forestal do Parlamento galego.
O labor a prol da fixación de poboación no rural ten carácter transversal na Xunta. Así, por exemplo, desde a área de Emprego e Igualdade estase a traballar na implantación de 12 Polos de Emprendemento no rural
-Respectaríase a propiedade comunal (que realmente é privada) destes montes para o seu aproveitamento e axudar a asentar poboación no rural? Ou por outra banda, búscanse novas figuras legais que reformen o dereito xermánico detrás dos montes comunais?
Falamos dunha forma de propiedade moi arraigada e característica de Galicia, recollida no seu dereito civil, que cómpre preservar. Ao tempo, convén avanzar na boa gobernanza destes montes, así como na mellora da súa xestión, en beneficio dos propios comuneiros, en primeiro lugar e, por extensión, de toda a riqueza forestal da nosa comunidade.
-Sobre a explotación de madeira, a moratoria do eucalipto que resultados está tendo até o momento? Poranse límites ás plantacións desta árbore e sobre todo, crearanse políticas que obriguen á limpeza dos montes para non facilitar os incendios forestais?
A prohibición de plantar eucaliptos foi unha medida valente e consecuente co establecido no Plan Forestal de Galicia, que marca unha progresiva limitación á expansión desta especie nos montes galegos. Ademais, cabe lembrar que esta regulación temporal do eucalipto trae aparellada a potenciación das outras especies, cun plan para o piñeiro e outro para o castiñeiro e o resto das frondosas.
En relación coa prevención dos incendios actuamos de xeito permanente a través de medidas directas como as rozas (tanto en pistas como en terreos forestais), a creación de devasas ou a instalación e mantemento de puntos de auga. Neste sentido, cómpre salientar que o Plan preventivo de 2021 contemplou actuacións en máis de 58.000 hectáreas de superficie, intervencións en preto de 5.000 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación e a realización de labores de mantemento nos case 4.000 puntos de auga existentes na nosa comunidade e a construción doutros 222 novos, cun investimento total de arredor de 30 millóns de euros.
Ademais, traballamos no marco do convenio de protección das aldeas, asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga. En virtude deste acordo, revisáronse (con datos ata finais de 2021) arredor de 685.000 parcelas, que suman preto de 44.000 hectáreas e nelas a porcentaxe de superficie xestionada polos seus propietarios é dun 65%. Polo tanto, son case 29.000 hectáreas repartidas en 432.000 parcelas. Ademais, no marco deste acordo, a Xunta entregou aos concellos galegos 242 plans municipais de prevención, dos que 166 xa están aprobados.
A lei de montes veciñais en man común de Galicia data de 1989. Nestes máis de trinta anos cambiou de xeito significativo a realidade forestal da nosa comunidade.
-Á parte o eucalipto, haberá replantación de montes con especies que se poidan aproveitar tanto para froito como para madeira? Haberá axudas para facer estas plantacións?
A Xunta apoia o desenvolvemento do sector forestal galego mediante diferentes liñas de axudas. Entre elas, salientan as destinadas a accións silvícolas, á creación de superficies forestais con frondosas e coníferas, as que teñen por obxecto apoiar a elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais e as destinadas a fomentar a boa gobernanza nas comunidades de montes veciñais en man común. Só estas catro liñas supoñen -na súa última convocatoria- un investimento de máis de 33 millóns de euros no monte galego.
No caso concreto das axudas para a creación de superficies forestais con frondosas e coníferas, dende o ano 2016 resultaron beneficiarios destas achegas un total de 855 titulares de terreos forestais, cun investimento que superou os 28,6 millóns de euros e actuacións en case 16.000 hectáreas.
-Sobre a instalación de parques eólicos en áreas que poden ter potencial agro-gandeiro, consideran necesaria a limitación da presenza destes parques?
Galicia ten unha importante oportunidade na aposta polas enerxías renovables, e en concreto pola enerxía eólica, xa que están xogando un papel destacado na creación de riqueza e emprego. Desde a Xunta estase a impulsar o desenvolvemento de enerxías limpas no noso territorio, un desenvolvemento que pasa polo cumprimento da legalidade e de todas as garantías por parte dos proxectos.
Neste sentido, canto á tramitación deste tipo de instalacións, o Goberno galego seguirá velando polo cumprimento de todos os requisitos esixidos pola normativa e de todas as garantías medioambientais, técnicas e urbanísticas.
Poderá haber convivencia entre sector eólico e agro-gandeiro sen prexuízo deste último? Como?
A Xunta avoga por unha planificación ordenada do sector eólico que consolide Galicia como un referente na implantación das enerxías renovables (segundo Rede Eléctrica Española, Galicia é a segunda comunidade autónoma que máis enerxía renovable xerou en 2021); un desenvolvemento que pasa por priorizar a súa compatibilidade co medio natural e as actividades vinculadas ao sector primario galego. Por iso é importante contar coa implicación de todos os axentes, incluídos os promotores e o resto de administracións. Este é o camiño a seguir xa que esta planificación achega seguridade xurídica ao sector.
Ademais, compre lembrar que o 77,5% do territorio galego está blindado, posto que non se poden implantar parques eólicos en espazos da Rede Natura nin tampouco fóra das áreas do Plan sectorial eólico.
-De cara a campaña contraincendios de 2022, cales son as novidades en canto contratación de persoal: que persoal pasa a ser fixo, disolverase SEAGA? Que sucederá co persoal que agora mesmo está contratado seis meses por ano? Poderán acceder ás probas que se realicen para consolidación de prazas?
A nosa aposta é sempre por un dispositivo anti incendios público, profesional e versátil. Nesta liña, consonte ás recomendacións dos expertos e ao mandato parlamentario, fomos quen de incrementar o período de contratación do persoal fixo descontinuo e seguimos apoiando a súa permanente posta ao día, a través da formación continua. Por iso impulsamos, entre outras iniciativas, un completo plan de formación dentro do Pladiga e estamos ultimando a posta en marcha do centro integral para a loita contra os incendios en Toén, na provincia de Ourense.
A Xunta avoga por unha planificación ordenada do sector eólico, un desenvolvemento que pasa por priorizar a súa compatibilidade co medio natural e as actividades vinculadas ao sector primario galego
-Que estratexia vai seguir a Consellería durante a campaña deste ano? Estudarase a política de prevención para evitar a proliferación de lumes no monte?
Cómpre poñer en valor que estamos traballando na futura Lei de loita integral contra os incendios forestais. Unha norma que aposta por un sistema galego baseado nunha estrutura profesionalizada, que debe estar composta principalmente por persoal propio da Consellería do Medio Rural, complementado con novas brigadas municipais tamén profesionais, cun mecanismo de selección uniforme a nivel autonómico e cun tempo de contratación mínima de seis meses. E quero destacar que a elaboración desta lei será froito dun amplo proceso participativo coordinado pola Universidade Vigo, coa activa implicación de persoal do propio Servizo de Prevención e Defensa contra os incendios forestais da Xunta.
Polo demais, un dos plans sectoriais que integran o Pladiga é, precisamente, o Plan preventivo. Esta planificación, como xa destaquei, permitiu a actuación en máis de 58.000 hectáreas de superficie, a intervención en preto de 5.000 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación e a realización de labores de mantemento nos case 4.000 puntos de auga existentes na nosa comunidade e a construción doutros 222 novos. Todo isto, cun investimento de arredor de 30 millóns de euros no marco do Pladiga 2021. Na próxima actualización deste documento seguiremos contemplando a prevención como prioridade, como non pode ser doutro xeito.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.