O Sergas volve usar a carta dos servizos "mínimos" para bloquear folgas

O paro convocado no Servizo de Otorrinolaringoloxía do CHUS pretende ser indefinido, se ben as normas da Xunta poñen difícil a realización.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2022 | Actualizada ás 16:15

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) mantén os servizos mínimos decretados o pasado mes de decembro desde o inicio dos paros parciais no Servizo de Otorrinolaringoloxía da área Sanitaria de Santiago, que este pasado 6 de abril pasou a ser indefinida.

Así o recolle unha orde de data de 7 abril asinada polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e publicada este luns no Diario Oficial de Galicia, recollida por Europa Press, na que concreta a Xunta que "o desempeño da prestación da asistencia sanitaria pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este".

"O que implica a necesidade de conxugar o citado exercicio cun adecuado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, en aras de preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos", expón Sanidade.

A Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios de CC.OO. de Galicia comunicou a convocatoria dunha folga no ámbito do persoal médico (facultativo especialista de área) do Servizo de Otorrinolaringoloxía da área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, que se desenvolve con carácter indefinido todos os días da semana, a partir das 00,00 horas do mércores 6 de abril de 2022.

"IDÉNTICA"

"A presente folga resulta idéntica á convocada inicialmente pola mesma organización sindical para os días 1, 10, 13, 21 e 29 de decembro de 2021, a cal motivou que esta Consellería emitise unha orde de fixación de servizos mínimos, publicada no Diario Oficial de Galicia número 230, de 30 de novembro de 2021, aplicable ao mesmo persoal e servizo sanitario", sinala. Segundo puido recabar Galicia Confidencial das publicacións relativas a esa folga, os servizos mínimos deste paro serán tamén do 100%, ao replicarse os anteriores.

E abunda que "tamén é por completo idéntica ás convocadas posteriormente pola devandita organización para o mesmo colectivo e servizo, neste caso con carácter indefinido todos os martes desde o 11 de xaneiro de 2022, e daquela todos os martes e xoves a partir do 10 de marzo de 2022". "As cales, á súa vez, determinaron que esta Consellería emitise as súas respectivas novas ordes de fixación de servizos mínimos (recollidas no DOG núm. 5, de 10 de xaneiro, e número 47, de 9 de marzo de 2022), remitíndose en ambos os casos á orixinaria", engade.

Por iso, en base a eses precedentes e ante o mantemento das necesidades sanitarias, indica que "procede remitirse nova e integramente aos termos da orde que estableceu os servizos esenciais para a folga iniciada o mes de decembro de 2021 no devandito servizo, os cales serán de aplicación tamén ás novas xornadas de folga".

CHUS, clínico de Santiago
CHUS, clínico de Santiago | Fonte: Sergas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta