Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2022 | Actualizada ás 20:34
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, defendeu que os 5,2 millóns que recibiu a empresa de integración laboral Ilunion están "xustificadas" e "revisadas", á vez que negou que exista precariedade laboral nos centros de Galicia porque así o testemuñan as 57 inspeccións de traballo realizadas.
A responsable do Executivo autonómico respondeu así á pregunta presentada pola deputada do BNG María do Carme Iglesiass durante o pleno ordinario que concluíu este mércores na Cámara galega. A deputada nacionalista asegurou que a representación sindical nos centros de Ilunion advirte das "precarias" condicións laborais dos traballadores, que contan con algún tipo de discapacidade e entre os que existen "numerosas baixas" debido ao "alto ritmo de traballo".
"A precariedade non é integración", aseverou a parlamentaria frontista, que afirmou que "moitas" persoas non superan o período de proba porque os postos "non están adaptados" ou as características non son acordes para que as desempeñen persoas cun grao de discapacidade recoñecido.
Na súa resposta, Lorenzana cifrou en 5,2 millóns de euros as subvencións da Xunta a Ilunion, axudas que están "revisadas" e que serven para sufragar parte dos salarios do persoal. Neste sentido, aseverou que existe "un control extraordinario" sobre o destino destes fondos públicos e defendeu que as 57 inspeccións laborais nos centros de Ilunion non detectaron problemas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.