Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/10/2014 | Actualizada ás 11:00
A Xunta segue destinando miles de euros para manter os grandes medios de comunicación. Unhas veces son convenios publicitarios coas súas consellerías, outros a través da Secretaría Xeral de Medios, outros a través do IGAPE e outros para que publiquen, cando menos, un 5% do seu contido en galego.
E, desta volta, é a Consellería de Educación a que decidiu asinar dous convenios con La Voz de Galicia e La Región para “potenciar o uso do idioma galego”. Unhas subvencións que, pola contra, non reciben os medios en galego.
De feito, o xornal de Santiago Rey recibe 149.000 euros para potenciar o galego que só se emprega no 5% do xornal e, principalmente, nos artigos de opinión. É dicir, por colaboradores alleos ao medio e non por xornalistas do Grupo Voz.
Esta cantidade é moi superior a que recibiron, por exemplo, este ano, as empresas xornalísticas que se desenvolven en galego, a maior parte das cales, están excluídas deste tipo de axudas e convenios.
Non é só La Voz de Galicia quen recibe cartos neste convenio de colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para potenciar o uso do idioma galego. Tamén o Grupo La Región, a través dos xornais La Región e Atlántico Diario, perciben 35.000,00 euros.
A estes cartos hai que xuntarlles, os case 200.000 euros que Educación destinou no primeiro semestre a grupos como Prensa Ibérica –Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña--, Editorial La Capital – El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Bergantiños e Diario de Arousa--, Grupo El Progreso –AGN e El Progreso-- ou a Agencia EFE.
Así, o Grupo El Progreso recibiu 103.000 euros; 60.000 para El Progreso e 43.000 para AGN. Este grupo mediático é o único que utiliza o galego, pero só na súa páxina Web, non así no xornal en papel ou no seu servizo de noticias. Pola súa banda, Faro de Vigo, que escasamente emprega o galego, percibe 40.000 euros, e o outro medio do grupo Prensa Ibérica, La Opinión de A Coruña, 30.000. O Grupo La Capital, que acaba de impulsar un novo ERE nos seus tres medios, tamén recibe 8.220 euros, mentres que a Agencia EFE, 23.000.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.