Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2022 | Actualizada ás 18:02
Este mércores botou a andar no Recinto Feiral de Pontevedra 'Edugal', o XI Salón de Educación e Formación de Galicia, organizado pola Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa (Aempe).
A edición deste ano conta con 65 expositores que axudarán aos novos estudantes a atopar orientación académica presentándolles toda a oferta existente en materia de estudos universitarios, formación continua, capacitación profesional, aulas abertas, máster e posgraos.
Tamén recibirán propostas en idiomas e poderán consultar as ofertas das Forzas Armadas ou escolas específicas como as de cantaría, aviación, arte dramática, música ou fútbol, deporte representado pola Real Federación Galega.
Ata o venres 28 de outubro están previstas charlas de orientación académica e emprendimento, mesas redondas, actividades no Metaverso, mesas redondas, exhibicións de fotografía e maquillaxe, talleres de robótica, deseño de videoxogos, electrónica creativa e biotecnoloxía, entre outras propostas.
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou na inauguración de Edugal, onde destacou a "calidade" do sistema educativo galego e comprometeuse a seguir impulsando accións para blindar o seu "prestixio", como, ao seu xuízo, xa se reflicte nos Orzamentos 2023 da Xunta de Galicia.
O titular de Educación do Goberno galego referiuse, en concreto, aos ensinos de Formación Profesional como "garantía de empregabilidade e de futuro" para os estudantes, aos que animou a achegarse ás casetas do nove centros educativos presentes na feira para coñecer "unha mostra moi diversa e representativa da nosa oferta de FP".
Román Rodríguez dixo sentirse "especialmente orgulloso" da evolución da FP como unha vía formativa "moi prestigiada e demandada", con ao redor de 61.000 matriculados neste curso, e que alcanza taxas de inserción laboral que superan o 92% no caso da modalidade Dual.
Nesta mensaxe incidiu tamén o presidente de Aempe, Jose María Corujo, quen puxo o foco na necesidade de "crear plans de formación para afrontar un futuro no que se van a demandar novas orientacións profesionais".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.