GC Aberto

'Que si pero non' ou como institucionalizar o machismo

Por admin | FERROL | 12/12/2022

Comparte esta noticia

Pregúntanme que opino do polémico artigo Que sí pero no, escrito nun xornal polo psiquiatra e psicoanalista Luis Ferrer i Balsebre. Non vou opinar como pedagoga senón como muller.

Imaxe que ilustra o artigo de Luis Ferrer i Balsebre
Imaxe que ilustra o artigo de Luis Ferrer i Balsebre | Fonte: Eduardo Parra

Ao meu parecer, do artigo dedúcese que non se pode civilizar a sexualidade humana así en singular. Ou sexa, que para Luis Ferrer a sexualidade está fóra da civilización e é única en todo tempo e lugar. Sospeito que a sitúa nalgunha caverna do instinto animal ou do determinismo de certo psicanálise. Non sei, entón como explica as enormes diferenzas entre a sexualidade dos inuit, poño por caso, e a sexualidade franquista. Ou as diferenzas interindividuais entre persoas do mesmo xénero. Por non falar da falla de definición do termo civilización.

O máis abraiante da opinión de Luis Ferrer é comparar o fenómeno do destape dos 80 -após unha longa noite de pedra tamén sexual-, cun berro de liberdade femenina que todos celebramos. Nin se decata que os exemplos de destape que enumera no artigo son todos de mulleres. A case medio século vista, non comprende este psiquiatra que o destape dos 80 en España, máis que liberación da muller, supuxo un boom da pornografía machista que tanto dano fixo en homes e mulleres pola súa función educadora dun tipo de sexualidade de cuxos froitos temos colleitado dabondo hoxe en día.

Acaso a limitación do corpo a mero obxecto sexual de consumo (maiormente de homes) non agravou todas as conductas violentas actuais? É que ese destape case exclusivamente feminino non perpetuou a dobre moral da que viñamos? Non era un xeito de facilitar o consumo que satisfacía só o desexo masculino e a caixa rexistradora dun negocio fabuloso? E con iso non se estaba preparando á sociedade a perpetuar a muller-obxecto tamén fóra do leito conxugal? Non espalancaba as portas ao exhibicionismo fornecido logo no mundo virtual?

Parece que o opinador non ten por conduta machista que a unha muller, só a unha muller, se lle pregunte nos medios de masas se durme con pixama ou con roupa sexy porque seica isto resta aire de liberdade ao mundo cultural. Parece que o Ministerio de Igualdade (co que teño bastantes discrepancias noutros temas) non debe meterse con youtubers cando fomentan condutas machistas e teñen milleiros de adolescentes seguidores. Dende cando reprender ou lexislar unha conduta machista é violar as liberdades?

De todos os xeitos, o máis obsceno deste artigo semella interpretar a última campaña do 25N da Xunta de Galicia, si, a da moza correndo coas mallas deportivas (a quen se lle ocorre!) cunha mensaxe informativa de mera precaución. Di o psiquiatra que é comparábel aos avisos contra os roubos nos aeroportos. Supoño que a ideoloxía propia non ten nada a ver coa ciencia da psiquiatría, mais eu como muller síntome agredida cando nada menos que quen preside a Asociación Galega de Saúde Mental e pertence a Asociación de Terapia Familiar de Galiza, compara o roubo da propiedade coa violencia machista. (Non será o subconsciente que ten por propiedade o corpo das mulleres?).

Alguén poderá acreditar en que as institucións estean para informar ou alertar á precaución. Se así fora o caso, por que non informar e alertar aos violentos potenciais e non ás súas vítimas?

Confeso que mete medo que un profesional da mente humana fale de emocións ingobernáveis como a luxuria, a atracción fatal, os ciumes ou a violencia. Parece que estamos determinados ás pulsións destrutivas desprezando o poder da educación e do control social.

O broche final do artigo é de tal grao de obscenidade e dun machismo tan cruel que nos fai subir as pulsacións e fainos dubidar de se algunha vez saímos dos valores franquistas. Di así:

Es más real alertar de los riesgos que tiene vivir en sociedad que reivindicar llegar de noche a casa, sola y borracha. Que se lo pregunten al Chicle.

Alén da falla de respecto á familia de Diana Quer -asasinada en agosto de 2016 na Pobra do Caramiñal- e á súa memoria, non é isto unha chamada á volta á minoría de idade das mulleres? Que vai ser o seguinte, que fiquemos na casa polo noso ben? Non sabe este psiquiatra de terapia familiar que na casa, entre o círculo dos achegados é onde máis violencia machista se comete?

Señor Ferrer, mudar esta estrutura social violenta contra as mulleres é o noso principio do desexo para que algún día as nosas fillas ou netas o teñan por principio de realidade.

IOLANDA TEIJEIRO

FERROL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Así literariamente falando o artigo soa ben... O caso é que as mortas son mulleres. E se escoitamos á Maxistrada de Violencia sobre a Muller logo de 20 anos exercendo a profesión en Vigo (agora seica anda por Santiago... non sei...) de que a súa experiencia sobre a violencia contra as mulleres é unha cuestión antropolóxica (sic) igual sería boa cousa poñer ao Psiquiatra e á Maxistrada a falar sobre o tema e valorar os resultados (?) Digamos que o falar non ten cancelas... pero digamos tamén que os violadores andan soltos e cada día parece que teñen máis público nas enfermas redes sociais...! Saúde e Sentidiño...