GC Aberto

«El Corte Inglés» e o galego

«En respuesta a la reclamación con número 33817-A, interpuesta por Vd., de la cual acusamos recibo, informar que según ESTATUTO DE LA XUNTA DE GALICIA aprobado en 1981, el gallego es la lengua COOFICIAL en nuestra comunidad autónoma, y “todos tienen el DERECHO a conocerla y usarla”, NO LA OBLIGATORIEDAD».

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 16/02/2023

Comparte esta noticia

Quixera relatar aquí unha recente, e malfadada, experiencia que desvela aspectos do noso idiosincrático ethos de sumo interese para recoñecernos como colectividade nas vertientes antropolóxica, social e cultural, coa expectativa de que a alguén lle resulte útil a ensinanza que dela se deriva.

O Corte Inglés
O Corte Inglés | Fonte: UGT

O pasado 30 de decembro achegueime deica o Corte Inglés de Vigo para realizar unhas compras para o Nadal.

Cando estou na Galiza emprego sempre como lingua de comunicación o galego; lingua que non aprendín na escola senón no berce, lugar onde comeza todo, posto que a herdei dos meus pais, avós e bisavós. Síntome cómodo e gozoso ao usala, e aínda máis gozoso me sinto cando o meu interlocutor a comparte comigo. Pero se non o fai tampouco me importa, pois cada quen fala o que lle peta e como lle peta.

Porén, as cousas mudan cando agroma un problema de (in)comprensión, que foi o que me aconteceu ese día e o que me levou a presentar unha reclamación perante o Servizo de Atención ao Cliente co seguinte contido:

«Onte, día 30 de decembro do 2022 [a reclamación presenteina o día 31], estiven comprando no supermercado deste centro comercial. Durante o meu periplo como consumidor houbo tres dependentas que aseguraron non entenderme. Alegaron que falaba baixiño, anque non era ese o verdadeiro motivo dado que posúo unha voz grave e nítida: non me comprendían porque lles falei en galego. Tiven que repetirlles até catro veces o que quería para conseguir facerme entender.

»Solicito que o Corte Inglés de Vigo contrate persoal que comprenda perfectamente o galego; aínda que non o fale ou non queira falalo». 

Dende logo, está fóra de lugar que un cliente galegofalante deba reiterar tantas veces a un empregado dun comercio emprazado na Galiza o que desexa para que se decate do que lle está a solicitar.

A resposta a miña queixa foime remitida por correo postal, en español, con data 2 de xaneiro do 2023. Velaquí o máis relevante do seu teor literal:

«En respuesta a la reclamación con número 33817-A, interpuesta por Vd., de la cual acusamos recibo, informar que según ESTATUTO DE LA XUNTA DE GALICIA aprobado en 1981, el gallego es la lengua COOFICIAL en nuestra comunidad autónoma, y “todos tienen el DERECHO a conocerla y usarla”, NO LA OBLIGATORIEDAD. Por lo expuesto anteriormente indicar, su reclamación NO PROCEDENTE» (as maiúsculas e a letra grosa pertencen ao orixinal).

O asinante desta contestación, que omite o seu nome e se ampara no anonimato do «Dpto. Atención al Cliente», se preocupou, non obstante, de puntualizala cun cinismo difícil de superar: «Le trasladamos nuestras disculpas por las molestias que haya podido sufrir [...], aprovechando la ocasión para enviarle un cordial saludo con la esperanza de que siga confiando en nosotros para futuras compras».

Este asalariado do afamado gran almacén finaliza a súa epístola cunha advertencia: «En cumplimiento con lo dispuesto en el art. 40 de la Ley 7/2017 por la que se regula la resolución alternativa de litigios de consumo, le informamos que El Corte Ingles [sic], S.A. no se halla adherido a ningún organismo y/o entidad de resolución alternativa de los mismos [...]. En todo caso, le informamos que El Corte Ingles [sic], S.A. no participará en el procedimiento arbitral ante dichas entidades indicadas».

Cando rematei de ler o texto lembreime, con mágoa e envexa ao mesmo tempo, dos cataláns, o pobo sen estado que mellor protexe e máis agarima a lingua de seu; da milenaria pervivencia do euskara, e do Canadá. Ese país no que se un se dirixe por escrito a un organismo lle responden, con sincera amabilidade, no idioma no que lles escribiu.

De aí a miña conclusión: falar, escoitar, reflexionar... e non calar!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 ixtlan

Se house máis reclamación coma esta non serían quen de contestar do mesmo xeito. É cuestión de que vean que a imane e o carto lles vai no asunto...