O carbón, a enerxía negra que desaparece en España e medra en Galicia

Aumentou un 87% para producir o 4% de electricidade. Na presente década as emisións de gases con efecto invernadoiro deberían diminuír cando menos até un 65% a respecto de 1990, case o dobre do conseguido até hoxe.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 14/02/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A produción eléctrica con carbón medrou un 87% en Galicia durante 2022, aínda que só achegou un 4% da produción galega. Unha situación que lamenta a plataforma Galiza, Un Futuro Sen Carbón que reclama o peche total e desmantelamento da central de carbón de Endesa nas Pontes en 2023.

Casco dun mineiro que acaba de saír da mina
Casco dun mineiro que acaba de saír da mina | Fonte: XUNTA - Arquivo

Con todo, a repunta na produción eléctrica con carbón en 2022 non é un regreso ao carbón. Este pasou de achegar uns 9.500-11.000 GWh/ano e un 30-40% da produción galega en 2015-2018 a menos de 900 GWh e un 4% en 2022. O uso do carbón na produción de electricidade caeu a partir de 2019 debido ao aumento do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións.

Debido á caída da produción eléctrica con carbón e ao decrecemento económico inducido pola COVID-19, as emisións galegas de gases de invernadoiro reducíronse un 35,9% en 2020 en comparación con 1990, segundo os datos oficiais máis recentes. Con todo, a central das Pontes segue sendo o gran centro do consumo de carbón en Galicia. 

AS PONTES

En setembro do ano pasado, e case tres anos despois da solicitude presentada por Endesa, o Ministerio para a Transición Ecolóxica autorizou o peche de dous dos catro grupos da central das Pontes. A día de hoxe descoñécese até cando se prolongará o peche diferido da metade da central de carbón das Pontes. "Galicia xa é o único territorio da Península Ibérica onde Endesa se ve obrigada a queimar carbón. En Galicia xerouse o 11% da electricidade producida con carbón en España durante 2022", indica esta plataforma nun comunicado.

A central de Andorra queima as súas últimas toneladas de carbón
A central de Andorra queima as súas últimas toneladas de carbón | Fonte: UGT

Así, suliña que a elevada vulnerabilidade do sistema eléctrico a secas como a sufrida o ano pasado e máis o atraso na transición enerxética son causas de fondo do recuar na descarbonización do sector eléctrico galego en 2022. "Sen a acción destes factores tanto a nivel galego como peninsular, a central de carbón das Pontes xa estaría pechada e a produción dos ciclos combinados galegos non tería igualado en 2022, con prezos disparados do gas fósil, o seu máximo histórico de 2008", engade.

AUMENTO GASES INVERNADOIRO

Como consecuencia do incremento da actividade da central de carbón das Pontes e das centrais de ciclo combinado a gas fósil, as emisións de gases causantes de cambio climático asociadas á produción eléctrica galega volveron aumentar en 2022, despois de tres anos consecutivos de descensos.

Na presente década as emisións de gases de invernadoiro deberían diminuír polo menos até un 65%, obxectivo que a plataforma Galiza, Un Futuro Sen Carbón pide que asuma a futura Lei do Clima de Galicia, que está a preparar a Consellería de Medio Ambiente. "Para iso, é fundamental desfosilizar o sector eléctrico antes de 2030, o que non prevé nin a Axenda enerxética de Galicia 2030 nin a Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050", apunta.

Por iso, as organizacións integrantes da Plataforma Galiza Un Futuro Sen Carbón, solicitan á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que abra un proceso amplo de participación pública para a prometida Lei do Clima de Galicia, con consultas a tódalas partes interesadas e previo á presentación do texto, pois dada a súa importancia considera insuficiente o clásico e curto período de alegacións que adoita acompañar este tipo de procesos, que ademais non se adoitan responder.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta