Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 13/03/2023 | Actualizada ás 11:46
Os novos vogais electos que conforman o Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras tomaron posesión dos seus cargos o pasado 10 de marzo e reuníronse por primeira vez neste mandato, na sé do organismo. Na sesión, que foi presidida por José Luis Cabarcos, director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), decidiuse nomear a José Ramón Rodríguez como novo presidente.
Como vicepresidente primeiro foi escollido Roberto Fernández, vogal en representación de Adega A Coroa S.A.T. e como vicepresidente segundo, Antonio García, do Sindicato Labrego Galego. Finalmente, como vicepresidente terceiro o Pleno elixiu a Manuel Fernández, da Bodega Cooperativa Jesús Nazareno.
Como representantes do sector produtor, censo A, tomaron posesión dos seus cargos como vogais Iván Rodríguez (da Candidatura Viticultores Independentes de Valdeorras), Antonio García (en representación do Sindicato Labrego Galego) e Ricardo Dobao (tamén de Viticultores Independentes por Valdeorras).
En representación do sector industrial, censo B, recolleron as credenciais como vogais José Guitián, en representación da Bodega Santa Marta S.A.T, Roberto Fernández, en representación da Adega A Coroa S.A.T. e José Luis Bartolomé, en representación de Bodegas Godeval S.L.
Finalmente, en representación do sector cooperativo, censo C, recolleron as súas actas como vogais Manuel Fernández, da Bodega Cooperativa Jesús Nazareno, e Carlos Aristegui, da Bodega Cooperativa Virxe das Viñas.
O NOVO PRESIDENTE
O novo presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez Castellanos, naceu na Rúa no ano 1978 e está vinculado á Bodega Joaquín Rebolledo S.A. dende o ano 2009.
Fillo e neto de viticultores, José Ramón conta cun Grado Superior de Música e posúe un Mestrado en Dirección de Empresas Agroalimentarias. Dende o ano 1999 é funcionario da Consellería de Educación e actualmente dá clases no IES 12 de Outubro de Ourense.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.