Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2023 | Actualizada ás 14:47
A exposición que resume os 50 anos de traxectoria do grupo folk Fuxan os Ventos estréase este martes na sede de Afundación en Santiago de Compostela e inicia así o seu itinerario por Galicia, tras inaugurarse no mes de outubro en O Vello Cárcere de Lugo.
A mostra percorre a biografía da formación lucense desde os seus comezos nas San Lucas de Mondoñedo, en 1972, ata a actualidade. Nela pódense ver múltiples fotografías, instrumentos musicais, recortes de prensa, documentos do grupo ou reproducións sonoras de pezas. Pero tamén se descobre a parte máis íntima de Fuxan os Ventos, con documentos e fotografías de viaxes, ceas ou ensaios.
En rolda de prensa, a coordinadora adxunta de Cultura de Afundación, Paloma Vea, destacou que Fuxan vos Ventos creou un repertorio "culturalmente emocionante" e que "forma parte do ADN cultural galego". "A exposición é unha enorme riqueza visual, sonora e de arquivo desde unha perspectiva contemporánea", expresou.
Así mesmo, aproveitou para convidar os centros escolares de Santiago e arredores a que visiten a exposición, que conta tamén cunhas didácticas específicas para os máis pequenos. Nesta mesma liña pronunciouse tamén Antón Castro, membro do grupo que mostrou o seu desexo de que centros escolares se acheguen a esta exposición para poder transmitirlle ás novas xeracións a importancia da dignificación do seu legado cultural.
"Queremos animar aos centros escolares porque os nenos de hoxe en día deben coñecer tamén a historia. É importante porque o peso social que tivo Fuxan dentro da música débese ter en consideración e cremos que pode ser educativo para as xeracións que veñen", resaltou Castro.
Ata o momento, explicou a comisaria da exposición, Sabela Fraga, non había ningunha publicación que recollese toda a historia de Fuxan os ventos. Por este motivo, decidiuse comezar este proxecto que permite contar tamén "parte da historia de Galicia" porque "o compromiso de Fuxan non se limitou á música, senón tamén pola lingua e pola cultura".
Tras o seu paso por O Vello Cárcere, en Lugo, na sede de Afundación da capital galega a mostra divídese en tres espazos que se reparten no tres pisos do inmoble. Así, na planta baixa sitúase o contexto histórico e os seus inicios; no primeiro piso faise un repaso aos seus 50 anos de historia; e no segundo atópase o universo creativo do grupo.
PERCORRIDO POLA HISTORIA DE GALICIA
Así, durante o percorrido poderanse visualizar anotacións manuscritas en papeis ou mesmo en cartóns de tabaco baleiros, así como carteis de eventos e concertos ou compilacións e estudos musicológicos asinados polos grandes eruditos da música galega.
Tamén se suma a esta mostra un expositor de cintas de casete das que se podían atopar nas gasolineiras e que reflicten a memoria dunha formación que suma medio século de vida. En canto aos instrumentos que recolle esta exposición, destaca a primeira zanfoña do grupo, unha gaita, unha guitarra ou un acordeón, que foron utilizados en diferentes etapas.
RECORDO A MONCHO DÍAZ
Así mesmo, cabe destacar que esta segunda parada da mostra tamén servirá para render homenaxe a Moncho Díaz, compoñente histórico do grupo lucense que faleceu o pasado mes de febreiro.
"Fuxan os ventos está triste porque houbo un compañeiro que estivo a cantar en Lugo e que faleceu e agora queremos dedicarlle todo isto que estamos a facer no seu recordo", lembrou Antón Castro visiblemente emocionado.
Castro reivindicou a Fuxan os ventos como un colectivo de xente que "sempre pelexou polas mesmas cuestións: compromiso coa cultura, compromiso co idioma e compromiso social". Ademais, puxo en valor que durante estes 50 anos de historia o grupo tivo como eixos dúas cuestións: a recollida de pezas tradicionais e a súa recreación para ser cantadas, así como a relación cos poetas do momento e ata hoxe.
Unha relación que, destacou, sempre foi "directa e cordial" con poetas como Manuel María, Marica Campo ou Darío Xohán Cabana. "Son tres dos alicerces sobre os que se basearon as cancións de Fuxan, aínda que Celso Emilio aparece tamén, ou aparece Álvarez Pousa, pero esa xente é coa que máis relación tiña o grupo", manifestou.
A partir das 19,00 horas, terá lugar a inauguración oficial cun acto no Auditorio Abanca no que a formación interpretará algúns dos temas máis destacados da súa extensa biografía. O repertorio que ofrecerán ás 600 persoas que xa esgotaron as entradas irá desde o primeiro disco ata as últimas cancións e tratará de resumir a discografía e o repertorio do grupo.
A mostra permanecerá aberta ata o próximo 25 de maio na Sede de Afundación (rúa do Vilar, 19) en horario de luns a venres de 12,00 horas a 14,00 horas e de 16,30 a 20,30 horas. As visitas escolares deseñadas polo Servizo Educativo de Afundación pódense reservar no teléfono 981 55 25 77 ou no correo electrónico areaeducativacompostela@afundacion.org.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.