Por Galicia Confidencial | Verín | 04/04/2023 | Actualizada ás 11:37
O recén nomeado presidente da D.O. Monterrei, Jonatás Gago, e o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, visitaron o espazo adquirido a semana pasada para comezar a traballar no proxecto.
Ambas institucións anunciaron que proximamente asinarán un convenio de colaboración para traballar conxuntamente no desenvolvemento desde importante proxecto para a comarca, e buscarlle a financiación adecuada a través dos fondos Next Generation. O centro, que terá acceso desde Luís Espada e tamén desde a Rúa Lisa, colaborará co Museo do Viño de Galicia e con varias obras sociais galegas. O Fondo de Cooperación de Rehabilitación da Xunta financia a compra do histórico inmoble
Segundo afirmou Seoane, “actualmente o viño é un dos maiores activos de futuro de Monterrei”, polo que contar cun centro punteiro que explique e difunda o valores das nosos caldos “é unha prioridade e unha obriga para todos os que creen no desenvolvemento da comarca”.
O futuro Centro de Difusión dos Viños de Monterrei estará ubicado nas antigas adegas de Recaredo Romero, nas que se forxou o xermolo da que foi a Cooperativa de Monterrei e, indirectamente, da actual D.O. O espazo a acondicionar serán máis de 500 metros cadrados, nos que se perfila o destino para unha gran sala técnica de cata, ademais de espazos para promocionar os caldos.
CENTRO DO VIÑO PUNTEIRO A NIVEL NACIONAL
O Concello de Verín adquiriu a semana pasada oficialmente o histórico inmoble Recaredo Romero, financiado integramente polo Fondo de Cooperación para o Apoio ao Financiamento de Actuacións de Rehabilitación e Conservación do Patrimonio Construído en Concellos de menos de 50.000 habitantes, da Xunta de Galicia, cun crédito para amortizar a sete anos.
O empresario Recaredo Romero foi un pioneiro na modernización do viño de Monterrei, e xogou un papel fundamental na creación da Cooperativa de Monterrei. Agora, a súa adega comercial, ubicada na parte posterior do complexo comercial dos Almacén Recaredo Romero, albergará un pioneiro Centro de Difusión do Viño de Monterrei, dentro do conxunto de instalacións do novo Museo de Verín.
Unha exposición interactiva dos viños de Monterrei, unha moderna sala de cata e presentación de viños e cursos, un espazo adicado aos emprendedores e adegueiros de Monterrei e un espazo mostral, susceptible de converterse en plataforma comercial, serán os eixos dun centro do viño que será punteiro en toda España.
O novo museo profundizará na colaboración co Museo do Viño de Galicia para a realización de actividades formativas e de divulgación dos viños de Monterrei, albergando exposicións e cursos que sirvan para ampliar a cultura enolóxica na nosa comarca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.