O sector inmobiliario avisa de que os pisos da Sareb "non cobren nin de lonxe a demanda"

Sitúan nunhas 3.000 as vivendas en oferta e situadas en zonas de baixa demanda, "o que son pouquísimas"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2023 | Actualizada ás 13:29

Comparte esta noticia

Representantes do sector inmobiliario alertan dun "grave problema" coa vivenda de aluguer en Galicia e urxen medidas para incrementar a oferta e abaratar o prezo. Mentres, sobre a mobilización de pisos da Sareb, afirman que "non cobre nin de lonxe a demanda".

En declaracións a Europa Press, tanto o presidente da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), Benito Igrexas, como o da Asociación Galega de Inmobiliarias (Agalin), Carlos Debasa, apuntan á redución da oferta nos últimos anos que vinculan, entre outras cuestións, á "inseguridade xurídica" para os propietarios.

Nunha autonomía cunha oferta en mans de "pequenos propietarios", segundo Fegein, aseguran que son "unhas 3.000" -- entre 3.000 e 3.200, matizan-- as que están dispoñibles no mercado. "Son pouquísimas", indica Benito Igrexas.

"Hai unha dificultade de atopar pisos a un prezo razoable e máis na zona na que se busca", engade Debasa sobre os lugares con máis demanda. Respecto diso, un informe de idealista sinala que o 63% das casas da Sareb están en zonas de baixa demanda no caso de Galicia.

Como exemplo da situación, Debasa precisa que en Lugo hai "menos de cen vivendas dispoñibles de longa duración, Santiago estivo neses parámetros durante moito tempo e A Coruña e Vigo están polo mesmo camiño".

Á súa vez, Benito Igrexas contrapón a cifra de vivendas existentes aos "máis de 17.000" pisos turísticos. "Os que tiñan vivenda baleira pasáronse en masa á turística pola seguridade xurídica e a rendibilidade", apostila.

Ademais, engade, en relación á nova lei de vivenda, que desde a súa Federación estiman que no caso de "entre un 15 e un 25% das que finalicen contrato" os propietarios acabarán derivándoas ao mercado de compravenda, ao aluguer vacacional "ou directamente deixaranas desocupadas", manifesta aludindo ao impacto nas rendas máis baixas.

PAPEL DOS CONCELLOS

Sobre as vivendas turísticas, o presidente de Agalin indica que, ante a "proliferación desmesurada" das mesmas, os concellos deben adoptar medidas. Ao fío diso, cita a normativa "decidida e valente e que se está notando" en Santiago e destaca o feito de que noutros municipios como Pontevedra ou A Coruña acabásese "entendendo o problema". "Vigo e outras van ter que tomar cartas no asunto", asegura ao considerar que esta proliferación fixo que aumentase o prezo dos alugueres.

Mentres, destaca medidas abordadas coa Xunta como un programa polo que "os propietarios que así o consideren teñan un seguro de aluguer sen custo para eles polo que estarán protexidos contra a falta de pagamento de aluguer".

"A Xunta fai tres semanas aprobou unha ampliación do parque de vivendas de protección oficial", cita Benito Igrexas, quen reclama aos municipios que inclúan nos seus plans xerais chan para permutar de face a unha colaboración público-privada na promoción de vivenda.

"Temos 345.000 vivendas baleiras en Galicia, se se mobilizase o seis por cento delas teriamos máis que arranxado o problema da oferta e baixarían os prezos", apostila. Para iso, solicita, ademais, incentivos fiscais para que os propietarios saquen ao mercado os seus pisos.

PISOS DA SAREB

Benito Igrexas, crítico coa lei de vivenda aprobada polo Goberno, mantén as súas dúbidas sobre o anuncio do Goberno da mobilización de vivendas da Sareb, que no caso de Galicia serían algo máis de mil, de acordo con datos achegados pola Delegación do Goberno.

A pesar deste dato, alude a un menor número e vincula a medida a un "anuncio electoral". "Están a crearse expectativas que non se van a cumprir", manifesta para, a colación, incidir en que son casas "en moi mal estado" e que o proceso desde a tenencia da vivenda por parte da administración autonómica ou local ata a súa reforma e posta no mercado para as persoas ás que van destinadas pode durar "meses".

Neste sentido, reprocha que a concesión dunha licenza urbanística dure en Galicia "14 meses". "No mellor dos casos non estaría esa vivenda dispoñible ata o segundo semestre de 2024". Ademais, esixe, entre outras demandas á Xunta, unha auditoría externa da Sareb para saber onde se sitúan as vivendas ou o seu estado de conservación.

Pola súa banda, Carlos Debasa apostila que "calquera aumento é benvido pero non cobre nin de moi lonxe toda a demanda existente". "Fai falta mobilizar máis pisos e nos a Sareb, sobre todo nas cidades, tampouco hai tantas vivendas", expón o presidente de Agalin que insiste en que son "poucas".

A XUNTA CUESTIONA As CIFRAS

Respecto diso da situación, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que reivindica as súas medidas como a rehabilitación de "máis de 80 edificios" a través do Plan 'Rexurbe', o bono aluguer para mozos ou o seu parque público de vivenda de case 3.800 inmobles, así como a construción doutras 500 vivendas de promoción pública para aluguer, cuestiona as cifras de pisos da Sareb.

"Son, en total, 42 vivendas localizadas en nove municipios que concentran apenas o 6,8% dos demandantes totais de vivenda protexida na Comunidade", aclara, ademais de recalcar que non serán "cesións gratuítas". Por iso, cualifica de "desconcertante e sorprendente" o dato de mobilización de 1.285 vivendas en Galicia para impulsar o aluguer social e alude aos anteriores datos, "facilitados á Xunta pola entidade financeira".

Edificio de vivendas. Carlos Luján - Europa Press
Edificio de vivendas. Carlos Luján - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta