Novo servizo de conciliación familiar na MIT de Ribadavia

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia ofrece este ano unha 'ludoteca teatral' para que a cativada poda achegarse ao teatro mentres os seus pais e nais gozan dos espectáculos programados.

Por Galicia Confidencial | Ribadavia | 04/07/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Servizo Municipal de Ensinanzas Teatrais do Concello de Ribadavia, en colaboración coa MIT, ofrece este ano un novidoso servizo de conciliación. Estará coordinado por Rosa Puga Davila --actriz e directora da Escola Municipal de Teatro de Ribadavia-- e nace co obxectivo de que as nenas e nenos se acheguen ao teatro dunha maneira creativa e divertida mentres os seus pais e nais asisten aos espectáculos do Castelo.

Público no MIT de Ribadavia (arquivo). Foto: MIT
Público no MIT de Ribadavia (arquivo). Foto: MIT

Especialmente dirixido para rapazada de entre 7 e 12 anos, os obradoiros de conciliación estarán operativos, previa inscrición, todos os días da MIT na Casa da Cultura. Respecto ao horario, este será das 22:00 h. ata que finalice a función do Castelo. Contémplase tamén que se podan apuntar 15 persoas.

Pódense resevar prazas na Oficina da MIT. Rúa García Penedo, na entrada da Praza Maior.

PROXECTO MEMORIA DO TEATRO GALEGO

Cómpre salientar tamén o Proxecto Memoria do Teatro Galego. En colaboración co Consello da Cultura Galega, a MIT acompáñao cun espectáculo teatral itinerante coa compañía galega Os Quinquilláns. Sairá da Praza Maior para percorrer lugares emblemáticos da historia de Ribadavia vinculada coa cultura e o teatro da Transición. O guión foi creado para a ocasión e baseado no medio século de Teatro desde a Mostra de Abrente de 1973 ata o teatro galego máis recente.

As Xornadas do CCG terán lugar o venres 21 e sábado 22 de xullo, onde se presentarán avances dos catro capítulos que compoñen unha peza audiovisual dirixida por Tito Asorey: o primeiro capítulo sobre o teatro independente en Galicia, o segundo sobre as Mostras de Abrente, o terceiro sobre a creación do Centro Dramático Galego e a MIT en 1984 e o cuarto sobre as mulleres no teatro galego. Esta reconstrución da memoria dos anos setenta e oitenta do século XX, realízase a partir da recompilación dos feitos e das creacións que podemos considerar fundacionais do teatro profesional galego, por medio de entrevistas rexistradas en audiovisual e coa participación das persoas que foron (e son) parte activa do movemento teatral independente galego.

Xa se poden mercar as entradas individuais, tanto para o Castelo coma para a Igrexa da Madalena e a Casa da Cultura, en ataquilla.com ou mitribadavia.gal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta