O BNG afala dunha "emerxencia climática" e pide un pacto galego pola auga

Reclama un plan de medidas urxentes dotado con 20 millóns anuais para abordar melloras en abastecemento e apoiar a industrias e concellos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2023 | Actualizada ás 13:03

Comparte esta noticia

O deputado do BNG Luís Bará presentou este venres un conxunto de propostas que os nacionalistas trasladarán á Xunta para loitar contra a "emerxencia climática" que vive Galicia fronte á inacción dun Goberno "desganado e perezoso".

A creación dun pacto galego pola auga, a posta en marcha dun plan de medidas urxentes dotado con 20 millóns anuais e a asunción por parte de Galicia de todas as competencias en materia de clima e auga son os elementos sobre os que pivota a proposta do BNG.

Para Luís Bará, o cambio climático está "a xerar riscos reais para o futuro" de Galicia e constitúe "un do tres desafíos máis importantes" aos que a comunidade "terá que enfrontarse nos próximos anos", dixo. Fronte a iso, os nacionalistas afean a "falta de resposta da Xunta nesta materia". Bará cualificou ao galego como un "goberno ausente" e "desganado" que actúa "co depósito na reserva" e "en diferido" e comparouno cun "oso perezoso".

A emerxencia clìmatica, dixo Bará, "ten un forte impacto en Galicia", con efectos que van desde períodos de seca "máis dilatados" a ondas de calor "máis intensas", precipitacións concentradas ou condicións favorables para grandes incendios. As conclusións, con todo, denuncian os nacionalistas, non están en "estudos actualizados da Xunta", xa que o último data de 2016, se non en informes de expertos como Dominic Roye, da USC.

Luís Bará lembrou á Xunta que os efectos deste proceso "non se poden limitar só aos problemas no abastecemento humano" e pediu unha "visión global" do problema, con consecuencias, por exemplo, na actividade do sector primario por falta de auga; a actividade marisqueira, afectada o incremento na temperatura do mar; o aumento de especies invasoras ou a proliferación de novas pragas, entre outras cuestións.

TRES MEDIDAS

Fronte a isto, o BNG reclama a elaboración "desde xa" dun pacto galego pola auga, que "debería aprobarse no parlamento no primeiro trimestre de 2024". Dentro del, sinala Bará, debería de haber un "bo diagnóstico da situación" hídrica en Galicia, os recursos dos que dispón a comunidade e os modos de protección de acuíferos e masas de auga. Tamén reclama que se planifique o ciclo urbano da auga, mellor financiamento neste ámbito, a creación do Consello Galego e Consellos territoriais para o uso sustentable da auga, reutilización de augas grises e pluviais e un programa de aforro "non supeditado só a estados de alerta".

En segundo lugar, o BNG pide un plan de medidas urxentes 2023-2025, dotado con, polo menos, 20 millóns de euros anuais para "abordar actuacións urxentes" en redes de abastecemento, mellora de subministración de auga a zonas de industria agrogandeira, apoio a sectores económicos afectados pola seca ou axudas a concellos para mitigar os efectos da seca e das ondas de calor. Finalmente, os nacionalistas esixen a transferencia a Galicia de todas as competencias en relación co clima e a xestión da auga.

O deputado do BNG Luís Bará, en rolda de prensa.
O deputado do BNG Luís Bará, en rolda de prensa. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta