Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2023 | Actualizada ás 20:24
O Arquivo de Galicia terá unha sección específica de arquitectura coa intención de dar unha maior visibilidade, divulgar e conservar o extenso traballo e fondos documentais dos profesionais galegos desta disciplina. Así o expresou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, que asinou o protocolo de colaboración co decano do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), Luciano Alfaya.
Segundo informou a Xunta, a través desta colaboración crearán unha sección que recompile e poña a disposición dos investigadores e da sociedade unha colección de proxectos, textos, imaxes, maquetas, documentos de traballo, materiais gráficos e audiovisuais no ámbito da arquitectura feita en Galicia. Así mesmo, o Executivo galego comprometeuse a incluír, no seu plan anual de dixitalización de fondos documentais, unha selección destes materiais e buscará un espazo de exposición que sirva para dar a coñecer e remarcar o legado arquitectónico de Galicia.
Rodríguez remarcou que esta alianza "reforza as liñas de traballo" levadas a cabo de forma conxunta con iniciativas como o proxecto 'Terra', no que os alumnos se "benefician nas diferentes etapas educativas" con coñecemento técnico especializado, incentivan o pensamento crítico e a reflexión sobre a construción. Ademais, felicitou ao COAG por consolidarse desde a súa creación, hai 50 anos, como unha das entidades profesionais de "maior influencia social e pública cunha estreita relación" coa sensibilidade urbana e residencial de Galicia.
No acto, o decano do COAG sinalou que este acordo servirá "para garantir a conservación dun legado esencial" na historia de Galicia, sobre todo agora que as sociedades "cambian a unha velocidade como non se coñecía antes". A cerimonia tamén serviu para iniciar a celebración do 50 aniversario do Colexio de Arquitectos de Galicia, que en 1973 se segregou do anterior Colexio de León, Asturias e Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.