Alfredo López (CEMMA) sobre o avistamento de cetáceos en Galicia: "Veñen porque non teñen comida"

Alfredo López, científico da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), explica que as alteracións climáticas mundiais afectaron "ás súas zonas de pasto, que están deixando de existir", por iso as baleas "vense obrigadas a buscar outras zonas que non son tan boas para elas, pero onde poden atopar comida".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 22/09/2023 | Actualizada ás 21:57

Comparte esta noticia

As baleas son uns animais grandiosos: dende o seu fermosismo estético ata a súa forza e o seu enorme tamaño (a balea azul pode chegar aos 30 metros e as comúns aos 20 ou 25) convírtenas nos xigantes dos mares. Aínda que non resulte sinxelo atoparse con unha preto da costa, nos últimos anos cada vez tiveron unha maior aproximación á terra, o que permitiu a grupos de turistas e pequenas embarcacións que non chegan a adentrarse en alta mar desfrutar dun espectáculo único: ver en primeira persoa a estes grandes mamíferos alimentarse. Sen embargo, o que de primeiras pode parecer algo marabilloso, non o é tanto se nos paramos a pensar o por que deses achegamentos a terra.

Captura da pantalla do vídeo de Bottlenose Dolphin Research Institute onde se apreza unha balea azul no entorno das Illas Cíes
Captura da pantalla do vídeo de Bottlenose Dolphin Research Institute onde se apreza unha balea azul no entorno das Illas Cíes | Fonte: Bottlenose Dolphin Research Institute - Arquivo

Dende Galicia Confidencial contactamos con Alfredo López, científico da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), que nos explica que a proximidade das baleas ás nosas costas pode ser algo negativo. Ben é certo, tal e como afirma, que "dende o ano 85 (cando se prohibiu oficialmente a caza destes animais) ninguén caza baleas, por iso as que entran na plataforma continental poden chegar máis cerca da costa, pois non son perseguidas como antes". 

Sen embargo, máis aló desa boa noticia que supuxo o fin da caza de baleas, tamén nos últimos anos sucedéronse "alteracións climáticas mundiais", que afectaron "ás súas zonas de pasto, que están deixando de existir", por iso as baleas "vense obrigadas a buscar outras zonas que non son tan boas para elas, pero onde poden atopar comida". Polo momento, segundo explica López, "non sabemos se iso pode ser algo puntual ou algo máis permanente". Xa que, de feito, "este ano non se viron baleas preto da costa, practicamente, como si sucedeu en anos anteriores", porque "non houbo tanto pasto", así que víronse máis afora, a unhas 30 ou 40 millas.

E o terceiro fenómeno que entra en xogo nestes achegamentos, tamén negativo, "é que todo o mundo ten un móbil", expón o investigador do CEMMA, que asegura que "moitos vídeos e fotos tomados por diferentes móbiles poden dar a falsa sensación de que volven as baleas", cando en verdade nunca se foron, pois "todas, azuis, comúns e de todo tipo sempre pasaron por aquí polas nosas costas". O que agora sucede, reitera, é que "dependendo de onde se atope a comida, achéganse máis ou menos".

Por poñer un símil, López di: "É como cando ti vas ao supermercado e, dependendo de en que estante estea a comida, terás que agocharte e collela abaixo ou estirarte e collela máis arriba". Sexa como fose, o certo é que a proximidade das baleas pode ser unha alerta dende o punto de vista medioambiental. "Xa o dixemos no seu momento (dende o CEMMA), todo o mundo se alegraba de que se vían máis baleas, pero hai que pararse a pensar se iso é unha alegría ou un drama, porque se están comendo aquí ao mellor quere dicir que abandonaron outras zonas de paso onde xa non existe o seu pasto", conclúe o investigador.

Exemplar de cría de balea común, que apareceu morta preto do dique da terminal de Bouzas, no Porto de Vigo
Exemplar de cría de balea común, que apareceu morta preto do dique da terminal de Bouzas, no Porto de Vigo | Fonte: Arquivo

A EÓLICA MARIÑA E O TRÁFICO MARÍTIMO: PRINCIPAIS AMEAZAS

Mais cabe destacar que esa escaseza de pasto non é a única ameaza que sofren. "As baleas neste momento teñen moitas ameazas, e unha máis non suma unha, senón que suma mil, é dicir, a suma de ameazas é acumulativa dende o punto de vista logarítmico", afirma Alfredo López. Nestes momentos hai alteracións climáticas, contaminantes e non hai que esquecerse da problemática da eólica mariña. Sobre esta última cuestión, o científico explica que "aínda que se puxo en marcha en países de Europa do norte, foi en zonas preto da costa, non lonxe, e por tanto non se sabe que consecuencias pode ter para as baleas, nin tampouco ninguén se está a facer esta pregunta nin a adoptar o principio de precaución".

"Seguirán instalando aeroxeradores no mar e o día que desaparezan as baleas dirán 'que mal', porque a suma de ameazas non é un mais un, non podemos saber cal é o resultado desa suma", asegura. O que está claro é que o achegarse á costa non é algo que fagan por gusto. "Os animais móvense por dúas cousas: a tranquilidade e a comida: se unha balea se achega á costa, tranquilidade non vai ter; pero a motivación máis importante nese caso é a comida, máis que a tranquilidade", afirma López, poñendo de manifesto que lonxe de achegarse aos humanos e deixarse ver por eles con gusto, como lles pode suceder a outros mamíferos mariños coma os delfíns, as baleas fuxirían se lles quedase outro remedio.

Deste xeito, expóñense ás colisións, por exemplo, por conseguir comida. Nestes momentos, ese é outro problema que pon en risco á especie: o tráfico marítimo. As nosas costas son unha zona de moita intensidade de paso de grandes barcos. Con todo, o dispositivo de tráfico está moi lonxe da costa, polo que "seguramente haberá colisións de barcos con baleas pero non o sabemos, ou chegamos a saber moi poucas". "Sabémolo cando se atopa medio cachalote, a cabeza na ría de Vigo e a cola en Malpica, aí podemos concluír que ese cachalote foi partido pola metade por un barco; ou cando chega un barco a Marín e ao manobrar sae da proa unha balea cravada, pero salvo eses casos constatados non sabemos ben a incidencia das colisións do tráfico marítimo", lamenta o investigador.

DIFÍCIL RECUPERACIÓN DA ESPECIE: UN FILLO CADA DOUS OU TRES ANOS

Saber cantas baleas hai no mundo, ou nas costas galegas, resulta unha tarefa imposible. Dende o CEMMA comentan que hai algúns traballos que se van facendo cada certo tempo, pero que resulta moi complicado. "Cando tes unha estimación dun número de baleas nun sitio iso é unha fotografía, as baleas móvense moito e dentro de dous días non van a estar aí, ademais a estimación de baleas na costa no inverno ou en primaveira é diferente, porque o paso das baleas é estacional, polo que non poder dicir 'aquí hai mil baleas', senón 'por aquí pasaron mil baleas neste momento en concreto'", explica López. As baleas móvense dende as augas do norte de Europa ata Canarias, unha zona moi ampla.

O que si sabemos é que polas costas galegas pasan todos os tipos de baleas, excepto a cincenta e a franca, xa extintas no Atlántico europeo. Nos últimos anos o CEMMA ten constancia do paso de balea común, balea branca, balea boreal, balea xibarte e balea azul. Estas dúas últimas son especies en situación crítica, polo que o número de exemplares que se deixan ver é menor. E a súa recuperación resulta difícil, pois por unha banda, ao ser animais tan móbiles, non é viable crear programas de recuperación da especie con medidas máis aló da prohibición da caza; e por outra, estas baleas só teñen un fillo cada dous ou tres anos. López amósase pouco confiado: "quizáis non se recuperen nunca".

Así as cousas, na actualidade dase un fenómeno estraño que os investigadores apodan como 'nación balea'. "Xa non poden moverse todas xuntas baleas da mesma especie, porque non hai, por exemplo, un número suficiente de baleas azuis como para facer un grupo de baleas azuis e que se movan xuntas só elas, así que cando chegan ás nosas costas fano todas xuntas (baleas comúns, brancas, boreais, xibartes e azuis), independemente da especie, porque así se sinten arroupadas polas outras", expón o científico do CEMMA. Con todo, advirte que cando se fala de xuntas non quere dicir pegadas. "Dicir xunto ou separado en baleas é moi relativo, porque nós temos unha distancia entre persoas dun metro, pero a distancia entre baleas ao mellor é de cinco quilómetros", comenta.

A CAZA CAUSOU A EXTINCIÓN DAS BALEAS CINCENTA E FRANCA NO ATLÁNTICO?

Fai ben pouco publicáronse os resultados do maior estudo de zooarqueoloxía de baleas de Europa. Na investigación demostrouse que a actividade baleeira causou a extinción de dúas especies no Atlántico europeo: a balea franca e a cincenta, presentes actualmente só no Pacífico. En total, a investigación reuniu 719 mostras do 3500 a.C. ata o século XVIII, asumindo que algúns exemplares foron cazados e outros puideron aproveitarse despois de que os cetáceos varasen. A investigación publicouse na revista Royal Society Open Sciencie. No traballo, os científicos concluíron que as dúas especies máis frecuentes eran a balea vasca ou franca (46,5 %) e a balea cincenta (15,3 %), ambas con rexistros dende España ata Noruega.

Con todo, Alfredo López explica que estas baleas tamén puideron verse influídas polos cambios climáticos da época. "Na época medieval deuse a idade de xeo medieval e esa circunstancia climática deu lugar a unha serie de cambios oceanográficos que se descoñecen en detalle, pero o que si sabemos é que esas baleas, moi costeiras, deixaron de frecuentar a costa da Península Ibérica e se desprazaron máis cara o norte", afirma. De todos os xeitos, asegura que a balea cincenta "pode que xa fose naquel momento pouco frecuente". 

Voluntarios de Protección Civil de Ferrol e da Coordinadora para ou Estudo dous Mamíferos Mariños (CEMMA) examinan un exemplar de balea amolada que quedou varada na praia de Marmadeiro, a 27 de xuño de 2023, en Ferrol
Voluntarios de Protección Civil de Ferrol e da Coordinadora para ou Estudo dous Mamíferos Mariños (CEMMA) examinan un exemplar de balea amolada que quedou varada na praia de Marmadeiro, a 27 de xuño de 2023, en Ferrol | Fonte: Raúl Lomba
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta