Por Europa Press / Redacción | MADRID | 21/09/2023 | Actualizada ás 15:42
O Barómetro de Opinión realizado este mes de setembro polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), a súa primeira enquisa tras as eleccións xerais do pasado 23 de xullo, volve situar ao PSOE na cabeza cunha estimación de voto do 33,5 % e case dous puntos de vantaxe sobre o PP, que rexistra un 31,7 %. Nas urnas os 'populares' avantaxaron en 1,3 puntos aos socialistas.
A terceira praza é para Sumar, cun 11,9 % e caendo respecto da enquisa preelectoral e o resultado electoral, mentres que Vox písalle os talóns cun 11,1 %, case en empate técnico. En canto ao BNG, obtería o 0,7 % de apoios a nivel estatal, sempre segundo o CIS. O 23X, os nacionalistas galegos conseguiron revalidar o seu deputado pola Coruña (Néstor Rego) cun 0,62 %, polo que o Barómetro de setembro estímalles un incremento de case un punto.
A enquisa baséase en 10.104 entrevistas telefónicas realizadas nos primeiros 12 días de setembro a cidadáns de 2.058 municipios de 50 provincias. Neses días xa se elixiu a Mesa do Congreso tras o pacto de PSOE e Sumar cos independentistas de Junts e ERC, falábase xa a da esixencia de amnistía para os procesados polo procés e o rei designara ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, como candidato á investidura.
O estudo segue a liña dos traballos anteriores do CIS, aínda que discrepa do resultado das eleccións do 23 de xullo. Así, o PSOE aparece na cabeza cunha estimación de voto do 33,5 %, ao redor de dous puntos por encima do prognóstico do barómetro de xullo e da enquisa preelectoral, pero nas xerais quedou segundo cun 31,7 %. E o PP, que gañou as eleccións do 23X cun 33 % dos votos, figura agora segundo na enquisa de setembro do CIS cun 31,7 %, aínda que mellora os seus datos das sondaxes de xullo (29,6 %) e o preelectoral (31,4 %).
REBAIXA O VOTO DECIDIDO DE SUMAR
Ademais, o PSOE destácase como partido con máis electores comprometidos pois un 26,6 % ten xa decidido apoiar aos socialistas se mañá houbese novas eleccións, fronte a un 22,8 % que anuncia o seu respaldo ao PP. Sumar e Vox seguen pugnando pola terceira praza na enquisa de setembro, cun 11,9 % para os de Yolanda Díaz e un 11,1 % para os de Santiago Abascal. Nas xerais Vox quedou terceiro cun 12,39 % fronte ao 12,31 % da coalición plurinacional de esquerdas, pero un mes antes, o CIS outorgaba a Sumar a medalla de bronce con folgura (15,5 % en xullo e 16,4 % na enquisa preelectoral). A estimación de voto de Sumar que realiza o CIS queda por baixo do voto xa decidido desta formación, pois un 12,2 % dos enquisados asegura ter decidido votar a Yolanda Díaz se mañá se repetisen as eleccións.
JUNTS CÓMESE A VANTAXE DE ERC
En canto ás formacións de ámbito territorial, Junts recortou a vantaxe que lle viña sacando ERC, tamén nas xerais, e agora ambos empatan no 1,7 %, mentres que Bildu segue por diante do PNV (1,3 % fronte ao 0,9 % dos nacionalistas), na mesma orde que saíu das urnas o 23X. Nesta ocasión o CIS non inclúe a súa habitual táboa de valoración de líderes, xa que o estudo fusiónase co poselectoral e o cuestionario xa era suficientemente longo, pero en todo caso mantén a pregunta sobre o político preferido para presidir o Goberno e de novo aparece na cabeza o socialista Pedro Sánchez cun 29,7 % fronte ao 20,7 % de Núñez Feijóo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.