Aprobados os últimos orzamentos da lexislatura ás portas da convocatoria das autonómicas

O PP rexeita máis de 1.400 emendas da oposición. Ás portas dun ano electoral e á espera de que el poña data aos comicios, Rueda incidiu en que Galicia será "a primeira comunidade que deixe resolto algo tan importante" como as contas pra o próximo exercicio, que serán, ademais, "as máis altas da historia de Galicia".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/12/2023 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

O PPdeG sacou adiante en solitario os orzamentos galegos para 2024, que se elevan a 13.257 millóns de euros (+ 5 %). Son as últimas contas da lexislatura e apróbanse ás portas da convocatoria de eleccións autonómicas para o próximo ano. Mentres, á entrada do Parlamento celebrábase unha concentración de SOS Sanidade Pública para reclamar un maior orzamento sanitario.

No pleno do Parlamento galego, os populares denegaron máis de 1.400 emendas da oposición e deron luz verde ás contas coa súa maioría absoluta, co rexeitamento da oposición. Unha vez que o presidente da Cámara, Miguel Santalices, anunciou a aprobación dos orzamentos, o titular do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, abrazouse co conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, mentres todos os deputados populares aplaudían en pé.

Durante o debate, Noa Presas (BNG) reduciu os orzamentos a "repetitivos", propios dun goberno nos seus últimos "estertores", á vez que o PSdeG avisa de que chegarán ao poder para modificalos o ano que vén. "Aprobar aprobaranos, pero modificar modificarémolos nós", advertiu Luís Álvarez.

Os populares tan só aceptaron tres emendas dos socialistas (ningunha do BNG), o que Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG) tachou dunha "tomadura de pelo" ao supor o 0,38 % das presentadas polo seu grupo. Estes son os segundos orzamentos galegos que saen adiante desde que Alfonso Rueda é presidente da Xunta tras suceder a Alberto Núñez Feijóo. Agora, queda por coñecer a data que fixará Roda para os comicios galegos. Mentres, á entrada do Parlamento celebrábase unha concentración de SOS Sanidade Pública para reclamar un maior orzamento sanitario.

Pleno do Parlamento galego. PARLAMENTO
Pleno do Parlamento galego. PARLAMENTO | Fonte: Europa Press

RUEDA GÁBASE DE SER O PRIMEIRO EN APROBAR OS ORZAMENTOS

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou que Galicia se converte este martes na primeira comunidade coas contas para o próximo exercicio aprobadas, o que vinculou con que a "illa de estabilidade" que proporciona, segundo subliña de maneira reiterada, a maioría absoluta popular que sustenta o seu Executivo.

Antes de regresar a Santiago para a aprobación dos orzamentos, na que estivo presente, o presidente galego salientou que este paso ten "moitísima importancia". Ás portas dun ano electoral e á espera de que el poña data aos comicios, Rueda incidiu en que Galicia será "a primeira comunidade que deixe resolto algo tan importante" como as contas pra o próximo exercicio, que serán, ademais, "as máis altas da historia de Galicia".

Permitirán, dixo, "atender todos os servizos públicos, facer fronte ás rebaixas de impostos, tanto as que xa viñan de antes, que se manteñen, como as novas para esas axudas que vai haber, ás persoas dependentes ou para facer deporte". "Rebaixas fiscais para comprar un vehículo de segunda man, atender os servizos públicos, o maior gasto sanitario da historia, o maior gasto en servizos sociais... Creo que todo isto é moi importante e eu tiña moito interese en que isto se producise", recalcou.

"Estamos a falar de que, cada vez máis, Galicia é esa illa de estabilidade dentro da convulsión política que vemos en moitos territorios de España. Iso pasa por aprobar os seus orzamentos, e creo que iso pór por encima de calquera vicisitude política, que é o que interesa aos galegos e a Xunta fíxoo unha vez máis", resolveu.

PP: "ILLA DE ESTABILIDADE"

Durante o debate, Paula Prado (PPdeG) destacou que estes son os orzamentos "máis elevados da historia", pensados para a "estabilidade, persoas e futuro". Defende que se reforza o gasto en sanidade, educación e políticas sociais, "sen recorrer a endebedamento por primeira vez 16 anos".

A deputada popular resalta que Galicia se converte na primeira comunidade en ter aprobadas as contas para o próximo ano, o que "demostra que Galicia non para" e que "é unha illa de estabilidade no panorama nacional marcado polo bloqueo". Contrapón a situación con que "España comezará o ano sen iniciar sequera os orzamentos".

Prado citou diferentes cuestións que se inclúen nos orzamentos, tales como as axudas de 5.000 euros ao ano a dependentes nas súas casas, o bono deportivo de 120 euros para que nenos estean federados ou a cota cero do primeiro ano de actividade para autónomos que se dean de alta, entre outros.

Sobre as emendas do Bloque, Prado espetou que a metade é "igual" que os últimos anos e a outra metade vai en contra da normativa básica estatal. "Viven inmersos no día da marmota", dixo despois de reprochar á líder do BNG, Ana Pontón, que "leva 20 anos na oposición perdendo eleccións unha tras outras".

Respecto das emendas do PSdeG, reproba que a súa proposta "estrela" é converter a repartición "incondicionado e obxectivo" de fondos a entidades locais en "condicionado e subxectivo". Acusa ao PSdeG de ser "servil" con Pedro Sánchez, que "permite cesións a independentismos que van custar a cada galego 400 euros", ademais de atacar as súas "leas internas". Alberto Pazos Couñago (PPdeG) tamén tivo diferentes reproches para o candidato do PSdeG ás eleccións galegas, José Ramón Gómez Besteiro, a quen tacha de "home anuncio" por avanzar este martes a data de reapertura da autovía A-6 en sentido Madrid.

BNG: GOBERNO NOS "ESTERTORES"

Pola súa banda, Noa Presas (BNG) comezou a súa intervención co recordo do poeta palestina Heba Abu Nada, asasinada o 20 de outubro, o mesmo día que comezaba a tramitación destes orzamentos. Denuncia que dous meses despois continúa o "silencio cómplice" da comunidade internacional "ante o xenocidio que está a cometer Israel". Esixe que España rompa relacións con Israel, leve a Netanyahu á corte internacional e se recoñeza ao Estado palestino.

A continuación, a deputada nacionalista expuxo que a "única boa noticia" é que estas contas son as últimas da lexislatura, un orzamento "repetitivo" e "mimético", que ve "esgotado" por un goberno nos "estertores". E é que Presas opina que "Galicia non parou de retroceder" cos populares na Xunta, o que levou a Galicia á "cola das estatísticas no ámbito económico" e a ter os servizos públicos "máis delibitados que nunca". Avisa de que a próxima lexislatura haberá que proceder ao "rescate" da sanidade pública.

Deste xeito, incide en que os populares "deberían estar inquietos" ante o exame das eleccións de 2024, ao que non acudirán coa "conciencia tranquila", posto que "fallaron" e "non fixeron os deberes nestes anos". Lamenta que este é o goberno "máis dependentista da historia, do señor Feijóo e as súas ordes". Así mesmo, Noa Presas acusa aos populares de "ser uns irresponsables" por non negociar bilateralmente co Estado, como outras comunidades, unha redución da débeda de máis de 1.000 millóns. Responsabiliza ao PP de "triplicar a débeda" desde a súa chegada á Xunta.

PSDEG: "FIN DE CICLO"

Nesta liña crítica estivo Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG), quen advertiu de que estes son o orzamento do "fin de ciclo" do PP na Xunta, pois 14 anos gobernando "ininterrompidamente" as súas políticas públicas "non serviron para mellorar a vida dos galegos".Tacha de "oportunidade perdida" estas contas, que identifica cun PP "enrocado no seu programa de goberno de recortar, pintar e colorear". "Un caixón baleiro de contido con moita publicidade e propaganda", resume.

A deputada socialista acusa á Xunta de deixar case 1.500 millóns sen executar en 2022 e só gastar o 35 % de 1.400 millóns de recuperación transferidos polo Goberno central, no que identifica cunha "nefasta xestión". Sobre este "esgotamento de ciclo", Rodríguez Rumbo recriminou que "o señor Rueda é unha marioneta de Xénova". De tal forma, os socialistas avisan de estar "preparados" para gobernar.

CRÍTICAS Á LEI DE ACOMPAÑAMENTO

O Parlamento de Galicia tamén aprobou este martes cos votos a favor do Partido Popular a Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos da Xunta para 2024, unha norma que a oposición rexeitou ao considerar que fai un "uso desproporcionado" ao cambiar "pola porta de atrás" máis dunha trintena de leis no que tachan de "chapuza" e "falta de compromiso" do Goberno galego coa calidade lexislativa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta