Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/01/2024 | Actualizada ás 17:02
Unha investigación realizada por un equipo da Facultade de Bioloxía da USC concluíu que as prostaglandinas, sustancias que producen os animais (entre eles os seres humanos), xogan un "papel crave" para promover a xeración de novas neuronas na medula espiñal dos peixes cebra.
O traballo, titulado 'An in vivo drug screen in zebrafish reveals that cyclooxygenase 2-derived prostaglandin D2 promotes spinal cord neurogenesis' e da autoría de Laura González Llera, Daniel Sobrido Cameán, Ana Quelle Regaldie, Laura Sánchez Piñón e Antón Barreiro Iglesias, coordinador do equipo, foi publicado na revista 'Cell Proliferation'.
Segundo informou a USC, estes novos achados "poderían ser cruciais" no futuro para tratar pacientes con dano medular. O estudo centrouse en "analizar o desenvolvemento" do sistema nervioso destes peixes tropicais, que se desenvolve "dunha forma moi rápida", e compararon os efectos que produciron neles diferentes fármacos, en concreto, na creación de neuronas na medula espiñal.
Un dos descubrimentos foi que as prostaglandinas "promoven a creación" de neuronas na medula espiñal destes peixes, mentres que fármacos antiinflamatorios non esteroideos como o ibuprofeno inhiben a produción de prostaglandinas e reducen a creación de neuronas. A partir de aí "ábrense" novas vías de investigación. Por unha banda, será necesario realizar novos experimentos para comprobar se as prostaglandinas actúan igual en mamíferos e son neles unha "vía de sinalización celular que promove a xeración de neuronas", o que "abrirá a posibilidade" de usalas para promover a recuperación tras o dano medular.
Por outra banda, será necesario investigar se fármacos como o ibuprofeno poden ter tamén nos mamíferos e, especialmente nas persoas, o mesmo efecto que nos peixes, o que podería "facer recomendable" unha "maior restrición" do uso destes fármacos, por exemplo, engadiu a USC, nas mulleres embarazadas ou a reevaluación do seu uso no tratamento de lesións medulares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.