O que pode facer o voto da emigración no resultado das eleccións de Galicia

Hai un aumento do voto con respecto ás xerais do 23X. O resultado das galegas podería non coñecerse ata unha semana despois se depende da emigración. O escrutinio de sufraxios da emigración, que pode votar en urna ata este xoves, empezará o 26 de febreiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2024 | Actualizada ás 12:21

Comparte esta noticia

Os case medio millón de emigrantes que están chamados a votar nas eleccións galegas do próximo domingo teñen ata este xoves 15 de febreiro para depositar o sufraxio nas urnas habilitadas nos consultados. E o sábado, 17 de febreiro, será o último día para a remisión do voto por correo dos residentes ausentes. Pero o seu voto pode ser decisivo nuns comicios que se prevén moi apertados como xa aconteceu cando Manuel Fraga perdeu a maioría absoluta en 2005.

A diáspora ten un peso significativo ante o 18F, tendo en conta que os 476.514 residentes ausentes con dereito a voto nesta cita supoñen case o 17,7% do censo de 2.693.624 chamados a emitir o seu sufraxio o domingo que vén. Por iso, ante un resultado axustado, o seu papel podería ser clave.

Segundo recolle o calendario electoral oficial dos comicios, publicado na web da Xunta Electoral de Galicia, o escrutinio dos votos dos residentes ausentes empezará o luns 26 e deberá estar finalizado como moi tarde o xoves 29 de febreiro. Constatado o volume ante unha nova cita coas urnas, a segunda sen voto rogado tras os comicios xerais de xullo de 2023, os partidos esperan expectantes comprobar o grao de participación.

Entre tanto, á marxe do volume que en si mesmo representa o voto emigrante, o censo de residentes ausentes (CERA) definitivo para o 18F, que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE), reflicte tamén un incremento dos rexistrados en relación ao censo das últimas xerais --cunha alza de máis de 4.000 persoas--.

Por circunscricións, a provincia da Coruña é a que rexistra un maior número de electores CERA 164.8421; seguida de Pontevedra, con 138.182; Ourense, con 103.832; e Lugo, con 69.658.

E en canto ao 'top cinco' de países, segundo o número de potenciais electores que residen no estranxeiro, Arxentina segue á cabeza con moita diferenza, xa que computa 166.289. Séguenlle Cuba e Brasil, onde se superan os 45.000. Mentres, Uruguai computa 37.165; e Suíza, o primeiro país alleo ao continente americano no ranking, 34.114.

DO FIN DA ERA FRAGA Á MÁIS AMPLA MAIORÍA DE FEIJÓO

A CERA reflicte así o peso porcentual que teñen os residentes no exterior á hora de decidir sobre o futuro Goberno autonómico, un feito que avala unha ollada ao histórico de eleccións celebradas na Comunidade. Non en balde, cando Manuel Fraga perdeu en 2005 a maioría absoluta fiou á emigración a posibilidade de subir ata o escano 38.

O foco estaba na provincia de Pontevedra, pero o reconto do voto exterior certificou o fin da era de Fraga á fronte da Xunta. Catro anos máis tarde, en marzo de 2009, o seu sucesor, Alberto Núñez Feijóo, logrou sumar 39 dos 75 escanos da Cámara autonómica na noite electoral. Posteriormente, o voto emigrante rebaixaría a súa maioría absoluta a 38 actas, ao gañar o PSOE uno por Ourense en detrimento do PPdeG.

Ao agora líder do PP, en cambio, nas autonómicas de xullo de 2020, as últimas ás que se presentou en Galicia, o apoio dos emigrantes permitiulle o seu máis ampla maioría absoluta ao chegar ás 42 actas no hemiciclo galego --o reconto do sufraxio na diáspora inclinou esta vez a balanza ao seu favor ao arrebatar un escano ao PSdeG en Pontevedra, que sumou o PPdeG--.

Rueda participa en actividades de entidades galegas en Uruguai.. XUNTA
Rueda participa en actividades de entidades galegas en Uruguai.. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta