Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2024 | Actualizada ás 14:07
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, pediu "trato igualitario" con Asturias e "transparencia" na chegada dos trens Avril a Galicia e cualificou, comparándose coa comunidade veciña, de "insuficientes" as compensacións polos atrasos. Así o declarou este domingo nunha entrevista na Radio Galega recollida por Europa Press na que criticou que actualmente "non saben en absoluto" a data de entrada en funcionamento destes trens e cualificou de "insuficientes e insignificantes" as compensacións para responder as necesidades dos galegos.
"Soamente son 2.000 prazas á semana e Galicia ten en conexión con Madrid 42.000 prazas á semana. Por tanto, ofrecen unicamente o 5 % de prezos de 25 euros para a conexión con Madrid", afeou. Ethel Vázquez fixo unha comparativa con Asturias, onde asegurou que "ofrecen o 12 %". "Nese sentido, pedimos trato igualitario e por iso consideramos que son insuficientes e insignificantes, fundamentalmente comparándonos con outras comunidades autónomas", esgrimiu.
A continuación, lembrou que se dirixiu ao ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, para pedirlle explicacións sobre o que sucedía, así como reclamar a creación dun grupo de traballo. Algo do que, lamentou, "non tivo resposta" e avanzou que a mediados desta semana volveu solicitar esa "reunión e información urxente", pero "tampouco tivo resposta", o que si tivo foi unha chamada telefónica de "menos de cinco minutos". Ethel, cuestionada sobre en que horizonte cre que podería estar operativo este medio de transporte, incidiu en que no Executivo galego son "escépticos", xa que o que viron nos últimos anos é que todos os anuncios do Ministerio "non son de fiar".
"Foron anuncios periódicos e constantes permanentemente incumpridos e como non hai concreción tampouco sobre as causas dese atraso non podemos ter un horizonte concreto da chegada da alta velocidade", afeou. "Son todo incertezas" sobre o que sucede cos trens Avril, "non sabemos" a causa concreta dese enésimo atraso, polo que insisten nesa "reunión urxente" para concretar esas compensacións e que sucede.
CORREDOR ATLÁNTICO DO NOROESTE
En canto á situación do Corredor Atlántico do Noroeste, insistiu na "necesidade" dese plan, xa que, relatou supón "vantaxes" en moitos ámbitos. En canto ao informe que valoraron no Consello da Xunta, detallou que o balance "é preocupante", posto que o plan deste corredor "comprometeuse en 2019", nestas datas "non hai plan, non hai proxectos". "Eu creo que neste caso necesitamos as tres comunidades autónomas (Asturias, Castela e León e Galicia) unha explicación do comisionado, ante este atraso e que aborde todo este proxecto que está estancado", apostilou.
PROBLEMAS NO FIRME DA A-6
Noutra orde de asuntos, a conselleira foi preguntada sobre o investimento que o Goberno central destina á conservación da A-6 e afeou que, cos 14 millóns de euros que destina, "constatan" que o Executivo "non se toma en serio" a conservación de autovías, "polo menos en Galicia". "As necesidades da A-6 en materia de conservación da capa de rodaxe, independentemente do estado actual do colapso dos viadutos que non está resolto, é un asunto que o Goberno de España non se está tomando en serio", reprochou.
Por tanto, as necesidades da A-6, continuou, que se necesita practicamente en toda a súa lonxitude "é de 140 millóns de euros", por tanto, a cifra anunciada polo Mitma supón "unicamente o 10 % das necesidades da autovía". O estado "é calamitoso" e, "en moitas ocasións", o carril dereito "está bloqueado para non circular". Nesta liña, Ethel pediu ao Executivo que dirixe Pedro Sánchez que "tome exemplo" da liña de acción da Xunta que conta con plan de reforzo de firmes anuais. "É tan importante executar novas infraestruturas como conservalas en bo estado, porque non estamos a falar unicamente de competitividade e de comodidade na circulación, estamos a falar tamén de seguridade viaria", sinalou.
TRANSPORTE MAIORES DE 65 E FORMACIÓN DE GOBERNO
Ethel Vázquez tamén falou sobre o cartón que permite viaxar gratis aos maiores de 65 anos no transporte público da Xunta e cifrou en 28.000 as persoas que, no mes de xaneiro, usaron a Tarxeta de Mobilidade de Galicia. Isto, segundo puntualizou, permitiu aforrar 300.000 euros no mes de xaneiro. En canto á formación do novo goberno da Xunta, sostivo que será Rueda quen decida e mostrouse segura "de que acertará" na disposición do novo Executivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.