Encontro sobre os retos do rural ourensán para atraer poboación

Nesta cita, organizada por 'Ourense Rural é Vida' e celebrada en San Xoán de Río, centraron o debate os problemas de vivenda e mobilidade. “Está Ourense preparada para atraer o novo movemento ruralista?”, foi o título que deu pé á controversia.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 26/04/2024 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Os problemas da vivenda e a mobilidade centraron o debate da xornada celebrada este 25 de abril en San Xoán de Río baixo o título “Está Ourense preparada para atraer o novo movemento  ruralista?”. A sesión foi organizada polo hub de innovación e sostibilidade Ourense Rural é Vida, que integra 27 concellos da provincia ourensá.

Xornada 'Ourense rural é vida'. Foto: Ourense é vida.
Xornada 'Ourense rural é vida'. Foto: Ourense é vida.

O encontro, conducido pola actriz e presentadora Diana Nogueira, permitiu o intercambio de experiencias entre autoridades locais, técnicos municipais e persoas chegadas á zona nos últimos anos ou que prevén facelo a medio prazo. Estas últimas explicaron as motivacións e as vantaxes do rural nas que basean a súa aposta vital, así como as dificultades que atopan, entre as que subliñaron a case nula dispoñibilidade de vivendas en aluguer, a reducida oferta de inmobles para reformar, os altos prezos de venda alleos á realidade do mercado, así como a carencia de liñas de transporte público.

Nun segundo plano, aínda que non menos relevante, falaron do problema do emprego, pero neste sentido mostráronse máis optimistas, destacando as oportunidades de crear negocios a partir dos recursos naturais e patrimoniais combinados coas novas tecnoloxías, cada vez máis presentes no territorio e que están permitindo facer realidade novos proxectos empresariais.

Os representantes municipais coincidiron nesta diagnose e na necesidade de que as administracións autonómica e central aposten polo rural con máis recursos e reformas legais que faciliten o asentamento de novos poboadores. “A solución para o rural é xerar actividade económica e para isto cómpre atraer talento, o que require ofrecer unha calidade de vida igual ou maior á que existe nas cidades”, afirmou Xosé Miguel Pérez Blecua, alcalde de San Xoán de Río, e con este fin sinalou como prioritarios os investimentos en vivenda e transporte.

A xornada foi clausurada pola directora xeral de Desenvolvemento Rural e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, Inés Santé Riveira.

OURENSE RURAL É VIDA

Ourense Rural é Vida busca favorecer a prosperidade das pequenas localidades da provincia ourensá a través da innovación, a dixitalización e a sostibilidade, facendo fronte ao problema do despoboamento. Aglutina a 27 municipios ourensáns, liderados polo concello de San Xoán de Río. 

A maior parte dos municipios implicados en Ourense Rural é Vida sitúanse no noroeste da provincia e teñen unha  poboación inferior aos 5.000 habitantes. Concretamente son: A Arnoia, A Bola, A Teixeira, Boborás, Castro Candelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, Larouco, Leiro, Lobeira, Manzaneda, Montederramo, Muiños, Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Oimbra, Paderne De Allariz, Pontedeva, Porqueira, Punxín, San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Xoán de Río, Viana do Bolo, Vilardevós, Vilariño de Conso e Xunqueira de Espadanedo.

Este hub de innovación e sostibilidade conta co apoio do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, cunha achega total de 148.047 euros baixo a convocatoria de subvencións para o financiamento de proxectos promovidos por entidades locais para a innovación territorial e a reactivación da actividade socioeconómica e a loita contra o despoboamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta