Así participou o deán da catedral de Santiago na tradución da Biblia: "Traballabamos arreo sen pensar cobrar nin un chisco"

O actual deán da catedral de Santiago, Xosé Fernández Lago, lembra nunha xornada celebrada no Consello da Cultura Galega como foi a súa participación no proceso de tradución da Biblia ao galego, cuxa primeira edición veu a luz no ano 1989.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 28/04/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A tradución da Biblia ao galego, a obra máis completa, lida e traducida da literatura universal, non foi un reto doado. Un total de 16 anos tardaron dende a editorial SEPT en logralo, dende que o desafío comezou a xestarse ata que se concluíu na publicación da obra. Agora, máis de 30 anos despois de logralo, botando a vista atrás, a ese ano de 1989 no que a Biblia galega veu a luz por vez primeira, indo xa pola súa cuarta edición (2022), son moitos os que recordan como se levou a cabo a tarefa. Un deles é o actual deán da catedral de Santiago, Xosé Fernández Lago, que contou nunha xornada celebrada esta semana na sede do Consello da Cultura Galega, 'Igrexa e lingua na Transición'. como foi a súa participación neste proxecto histórico e que pasará á posteridade como unha das maiores fazañas da literatura en lingua galega.

A Biblia en galego
A Biblia en galego | Fonte: Commons

"Nos primeiros meses de 1968 ía eu ás tres da tarde á Universidade Gregoriana de Roma facer o exame dunha materia do primeiro semestre cando me atopei co padre xesuíta Manuel Santos Santorum, que me dixo: hoxe, Pepe, saímos para poder falar con Deus na nosa lingua", conta Xosé Fernandez Lago, que asegura que "eu, que levaba catro ou cinco meses en Roma, non coñecía os movementos que se desenvolvían na nosa terra". Ese mesmo ano o padre Xaime Seixas celebrou en San Martiño Pinario unha misa en galego. "Ao abrir a porta no concilio ás linguas vernáculas para celebrar a liturxia, non podiamos quedarnos tranquilos polo feito de ser posible unha celebración en castelán, cumpría que os galegos foramos máis aló e precisabamos os textos axeitados e poder traducir a Biblia á nosa lingua", contempla, décadas despois, o deán da catedral.

Cando volveu a Galicia, para quedarse xa na súa terra, no ano 1973, "vin que había un grupo de cregos galeguistas que tiñan repartida a Biblia para traducila estimulados por Alfonso Zulueta, Xaime Isla e a editorial SEPT, e teólogos como Andrés Torres Queiruga, Xosé Manuel Pampín, entre outros, e lingüistas como Xesús Ferro, Carlos Casares e moitos máis". Fernández Lago decidiu unirse a eles. Como recorda, "encargáronme a tradución do cuarto evanxelio de Xoán e as cartas aos Tesalonicenses nun comezo, para máis adiante encargarme tamén a introdución ao Novo Testamento". Durante o proceso de tradución, lembra que Zulueta e Quico Domínguez se reunían periodicamente cos colaboradores. "Marabillábame a sinxeleza da súa vida e o seu interese", confesa o deán da catedral de Santiago. 

"O ARCEBISPO DÍXOME: VAITE LONXE DA DIÓCESE, TEMOS QUE FACER AXIÑA O TRABALLO E, COMO NON SABES DICIR QUE NON, SE QUEDAS AQUÍ NON REMATAS"

No que atinxe ao arcebispo, asegura que "tomou ese cometido con moita ilusión, de feito díxome: vaite lonxe da diócese, temos que facer axiña o traballo e ti, como non sabes dicir que non, se quedas aquí non rematas". Fernández Lago tratou de buscar un lugar tranquilo no que centrarse na tradución da Biblia. "Tratei de ir ao mosteiro de Oseira, pero non me acollían más aló de 15 días, así que chamei ao de Samos e déronme pensión por 50 días, que foron os que eu pedía", recorda o deán, que apunta que, "cando nos puxemos a traducir o Antigo Testamento, eu cheguei a estar máis de dous meses en Xerusalén para facer unha primeira tradución de Xosué, Xuíces e Rut". Tamén Fernández Lago botou man da súa casa paterna no verán "e todos os días miña nai me preparaba un tupper para ir traballar a unha finca na que estaba eu só con dous cans". 

González Laxe fai entrega da primeira edición da Biblia en galego ao Papa Juan Pablo I
González Laxe fai entrega da primeira edición da Biblia en galego ao Papa Juan Pablo I | Fonte: Histórico TVG

Outras veces íase a Muros, "á casa dunha muller que dende que nacín era como miña nai". Sabía que outros colaboradores estaban facendo algo semellante: "Traballabamos arreo, moitas horas, sen que ninguén pensara cobrar un chisco polo que faciamos, a excepción dun par deles que tiñan unha familia que coidar", afirma Fernández Lago, que engade que "certo é que SEPT nos ofrecía o material de traballo que precisaramos, como algúns diccionarios de Franco Grande e un de Crespo Pozo que chegaba ata o '-E', e a partir de aí había que buscar os sinónimos para atopar os vocablos que se correspondían en galego", ríse o deán. "Tamén nos ofreceron o novo testamento de Morente Espiña, a tradución da Biblia a partir da Vulgata e outras Biblias como a portuguesa para dárlle unha ollada ilustrada", conta.

"PARA PODER ENTREGARLLA AO PAPA NA VISITA A SANTIAGO, NON SE FIXERON AS SEGUNDAS PROBAS, POLO QUE A PRIMEIRA EDICIÓN NON FOI A MÁIS AXEITADA"

Foi finalmente no ano 1979 cando publicaron o Novo Testamento, que foi "ben acollido" e "despois tivemos que comprometernos coa tradución do Antigo Testamento". Nese intre ampliaron o equipo de colaboradores e entrou máis xente, aínda que tamén outros deixaron de ser tradutores. "Daquela, por estar bastante familiarizado co hebreo, pedíronme que fixera eu de colaborador, e neste cometido sempre atopei axuda, en tempos de exames no Instituto Teolóxico aproveitaba os días para ir ao mosteiro de Poio xunto co pai Martín a buscar os vocablos máis axeitados á hora de transcribir os nomes propios", lembra Fernández Lago, que explica que "o máis doado parecíame o tradutor dunha versión ao latín, pero tomamos como norma non cambiar os nomes moi coñecidos, como Sansón". Tiñan reunións periódicas o equipo de tradutores e o arcebispo (que logo chegaría a ser Rouco Varela), Alfonso Zulueta e Quico Domínguez. 

Foi no 1989 cando remataron a primeira edición da Biblia, que, como confesa o deán da catedral de Santiago, "non foi a máis axeitada por ter que apurar para poder entregarlla ao Papa na súa visita a Santiago". "Non se fixeron as segundas probas, co cal non foi todo o ben que debía ir", admite Fernández Lago, que asegura que "eu daquela estaba facendo a miña tese en Roma e dixera que me mandasen de vez en cando o traducido, pero dicían que se podía perder, porque as cousas non eran como agora, que os paquetes de mandan por Internet", chancea. De feito, para a segunda edición houbo que facer "polo menos 2.000 correccións no que atinxe ás comas, os números dos versículos, asonancias e algunha ausencia importante como o texto do pastor ferido de capítulo 13 do libro de Zacarías, que aparece xusto a metade do capítulo". Ademais, "había tamén introducións xerais, pero unhas estaban estruturadas e outras non".

"TRABALLABA 10 HORAS DIARIAS EN SAMOS, PORQUE AS COMIDAS ERAN EN SILENCIO E AXIÑA RISCABAMOS; SOBRÁBAME TEMPO"

En diante tocaríalle ao actual deán da catedral de Santiago ir estruturando as que non estaban, de tal xeito que na cuarta edición, do ano 2022, "hai unha estrutura clara". "Se na actualidade eu quixera publicar unha introdución á Biblia xuntando as introducións xerais e as que se fixeron para expoñer os contidos de cada libro tería un material moi axeitado para facelo", afirma Fernández Lago, que explica que "cada quen se consideraba un pouco dono do que el poñía a pé de páxina, de maneira que as notas que tiñamos acordadas sobre a dimensión dunha terceira parte do texto non se cumpriron". "Algún tradutor pediu máis notas nalgún dos libros e o arcebispo pediume a min e a outro que as puxeramos".

O deán da catedral lembra que "traballando en Samos o pai Martín pediume que lle puxera eu as notas aos libros que el traducira, alegando que el sabía mellor o que tiña que ver coa lingua galega que os coñecementos que tiña de Biblia", así que "eu fíxeno, porque acabei os meus traballos un pouco antes do esperado, traballaba 10 horas diarias, porque as comidas ao ser en silencio tardabamos pouco, axiña riscabamos, e eu cando quería darme razón dalgo camiñaba polo claustro para cambiar de postura e logo volvía sentarme a traballar outra vez", chancea Fernández Lago, que asegura que "sobrábame tempo".

UN DESAFÍO QUE SEMELLABA IMPOSIBLE LOGRADO POR UN EQUIPO INCANSABLE

Unha vez publicada a Biblia, con todo, asegura que "cando volvemos ver un traballo feito sempre atopamos algúns buracos que encher". E afirma que "cando tiven que pedirlle a algún dos tradutores que me deixara arranxar algo, sempre mo aceptaron, cando pedín poñer de acordo dúas cronoloxías ou cando pedín a outros facer outra distribución diferente dalgunhas das súas introducións, ou mesmo me deixaron facer a min a introdución dalgún capítulo para unha nova edición da Biblia sen cambiar o nome que estaba escrito nel". Tamén gaba o labor realizado á fronte do proxecto por Zulueta, "que era un home culto e de clase merecedor de todo tipo de loanzas pola súa sinxeleza e humildade, pola súa preocupación pola lingua galega e por distribuír a teoloxía de xeito comprensible entre os nosos paisanos, xunto a Quico Domínguez". 

O deán da catedral de Santiago, Xosé Fernández Lago
O deán da catedral de Santiago, Xosé Fernández Lago | Fonte: Archidiócese de Santiago - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta