Por X.M. Fernández | O Barco de Valdeorras | 09/05/2024 | Actualizada ás 13:45
O pasado 7 de maio presentábase no Barco de Valdeorras o cartel e a programación da XXV edición da Feira do Viño de Valdeorras. No acto estiveron o Alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, e o Presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Ramón Rodríguez Castellanos.
A pintura que ilustra esta edición tan significativa da cita cos viños valdeorresa é obra do prestixioso debuxante e pintor coruñés, Miguel Anxo Prado. Escollido especialmente para a conmemoración dos 25 anos. O gañador do “Premio Nacional do Cómic” ou do “Alph-Art ao Mellor Álbum Estranxeiro”, entre outros, tivo anos atras un contacto con Valdeorras ao crear unha obra de arte titulada “Beber a terra e a paisaxe” que se publicou no 2018. Neste libro de notas e acuarelas retratou a súa vivencia na comarca aproveitando a vendima do ano 2014.
O ilustrador coruñés destacou que “quixen recoller na imaxe do cartel o que, dun xeito condensado, sinalamos no título. No interior da botella, nesa milagre que é o viño, podemos recoñecer a súa pegada xenética. No caso de Valdeorras, a auga do río, as terras do val, as elevacións das abas dos montes, os socalcos, o granito, a lousa, o sol e a chuvia".
A Feira, que se celebrará os días 1 e 2 de xuño, contará co xornalista e director de “La noche en 24 horas, Xabier Fortes, como pregoeiro oficial nun acto que servirá de inauguración oficial da cita. O devandito pregón será o sábado 1 ás 12:30 h. no recinto feiral de Viloira, no Barco de Valdeorras.
O MÁIS DESTACADO DO PROGRAMA
Nesta cita cos caldos valdeorreses haberá un total de 21 adegas, 3 catas de viño, e un showcooking no que o chef Xosé Manuel Mallón despregará toda a súa creatividade. Como proposta de lecer salientar o concerto a cargo de “Os Alcántara” e un espazo para os máis pequenos nos xardíns da Casa Grande de Viloira, no Barco de Valdeorras, no que poderán gozar de divertidos inchables.
En canto aos horarios, o recinto feiral permanecerá aberto de 12:30 a 14:30 horas e de 20:00 a 00:00 sendo o peche do domingo ás 23:00.
ADEGAS PARTICIPANTES
A feira contará coa participación de 21 adegas: A Cova da Xabreira, Adega A Coroa, Adega Alan de Val, Adega Arnadoval, Adega Melillas – Lagar do Cigur, Adega O Casal, Adega O Cepado, Adega Quinta da Peza, Barón do Sil, Bioca, Bodega Cooperativa Jesús Nazareno, Bodega Godeval, Bodega Hacienda Ucediños, Bodega Joaquín Rebolledo, Bodega Roandi, Bodegas Ruchel, Bodega Sampayolo, Bodega Santa Marta, D’Berna, Viña Costeira e Virgen del Galir.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.