Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/06/2024 | Actualizada ás 20:45
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, anunciou hoxe o reforzo das políticas lingüísticas da Xunta para tirar proveito das potencialidades que ten o neofalantismo e fomentar o uso da nosa lingua entre a mocidade. Fíxoo en resposta a unha pregunta no Parlamento de Galicia na que concretou que se fará a través dun convenio coa Universidade de Santiago dotado con 80.000€ que recolle unha serie de actuacións ao longo de tres anos.
Tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o obxectivo desta colaboración é analizar o neofalantismo, un proceso no que as persoas que tiveron o castelán ou outro idioma como primeira lingua acaban incorporando o uso do galego. Trátase, tal e como engadiu, dun proceso “relativamente emerxente con innegables posibilidades de futuro na dinamización da nosa lingua”, sobre todo entre a mocidade tanto da nosa comunidade como entre as persoas que veñen doutros territorios de fóra de Galicia e que se incorporan á nosa realidade cultural e sociolingüista.
O secretario xeral da Lingua precisou que a colaboración neste eido coa a Universidade de Santiago de Compostela comezou en 2021 a través do Grupo de Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación co recurso web www.neofalantes.gal, un portal de noticias que sirva de nexo de unión da comunidade neofalante en galego.
Valentín García apuntou que este espazo conta con varias seccións e que agora, con este novo convenio, daráselle continuidade incorporando novos usuarios e impulsando o uso da lingua galega entre a mocidade. Deste xeito, tal e como avanzou, potenciarase unha activa presenza en redes sociais ao tempo que sen pon en marcha unha nova ferramenta interactiva que sirva de canle de contacto entre distintos sectores e distintos países, especialmente no mundo lusófono.
A colaboración tamén abrangue os obxectivo do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade que ten en marcha o Goberno galego e co que se pretende mostrarlle á xente nova a utilidade de coñecer o galego e potenciar así o seu uso neste colectivo. Este plan está concibido como un instrumento para a dinamización da lingua galega, no que se procura implicar a comunidade universitaria, o que supón a posta en marcha de medidas dinamizadoras dirixidas ao profesorado, ao alumnado, ao persoal de administración e servizos e á mocidade en xeral, co fin de conseguir normalizar a presenza da lingua galega na universidade e noutros ámbitos da mocidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.