Por Galicia Confidencial | Allariz | 09/06/2024 | Actualizada ás 10:00
Dende o Concello de Allariz e a Rede de Municipios para a Agroecoloxía, estase a organizar para o 18 de xuño unha xornada centrada no papel que poden xogar os concellos para garantir unha alimentación máis sostible e de proximidade, promovendo e apoiando os recursos e axentes do seu territorio.
No territorio galego existen xa algunhas iniciativas pioneiras e inspiradoras neste sentido e, ademais de coñecelas máis en profundidade, así como outras que se están a desenvolver no Estado español, preténdese abrir un espazo de diálogo entre concellos interesados en poñer en marcha proxectos vinculados á produción, transformación, comercialización e consumo de alimentos locais con vistas á sostibilidade social, ambiental e económica.
A xornada, apoiada tamén polo GDR Limia-Arnoia, terá un carácter moi dinámico, práctico e próximo á realidade cotiá das tarefas que realiza un concello, e serán espazos de inspiración, análise colectiva e busca de sinerxías. Presentaranse ferramentas para a posta en marcha de políticas alimentarias no eido local, haberá intercambio de boas prácticas e experiencias e crearase un espazo de debate sobre as dificultades e as oportunidades para sacar adiante estas iniciativas dende os concellos. Tras o xantar, e pechando a xornada, tomarase contacto con algunhas propostas co sector produtivo e valorarase como seguir o traballo dende os concellos galegos.
A xornada terá lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello de Allariz dende as 10.30 ata as 17.00. Os concellos interesados poderán inscribirse na web da xornada. Formulario de inscrición.
Aínda que os gobernos locais non teñen competencias en materia de agricultura e alimentación, a Rede de Concellos pola Agroecoloxía cre que os concellos poden xogar un papel relevante. Estas competencias están compartidas entre o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e as concellerías das Comunidades Autónomas, a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora de as Bases do Réxime Local (LRBR), outorga unha serie de competencias que permiten levar a cabo múltiples actuacións arredor destas cuestións, así como a posibilidade de que se lle atribúan unha serie de competencias desde órganos superiores, en materia de agricultura e alimentación ás entidades locais. Ademais, tamén están facultados para actuar en interese dos cidadáns, sempre que non corran riscos económicos e non desempeñen o mesmo servizo público que outra administración.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.