Nordés, unha xenebra 100 % galega que conquistou paladares de todo o mundo

Xestouse no ano 2012 cunha reunión de amigos fronte a un prato de polbo nunha pequena casa do concello de Vedra. Soñaban con fabricar unha xenebra de calidade 100 % galega. O seu éxito foi tal que dunha produción de 5.000 botellas no ano 2013 pasouse, once anos máis tarde, a unha de 1,6 millóns de botellas.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 29/06/2024 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

Ata fai ben pouco a xenebra considerábase unha bebida propia das clases máis baixas. Era tan barata a súa fabricación que empezouse a popularizar entre a poboación do común, que adoitaba fabricala de xeito artesanal na súa casa. Pero para atopar a orixe da xenebra como tal hai que remontarse ata a Holanda do século XVII, onde se usaba con fins menciñais, para tratar problemas dixestivos e dos riñóns. Hoxe dende o Galicia Confidencial contámosche como de ser un produto desprezado pola alta sociedade a xenebra pasou a convertirse nunha bebida de clase e como na nosa terra tamén sabemos moito do que é ter unha xenebra de pura cepa.

Xenebra Nordés
Xenebra Nordés | Fonte: Cedida

Máis adiante, durante as grandes guerras, tamén en Holanda se lle daba aos soldados xenebra para que gañasen valentía antes do combate e rematou por chegar ao exército británico e dar o salto a Inglaterra. A isto tamén contribuíu a idea de que era un bo remedio contra a peste bubónica. Así, foise popularizando entre a poboación rapidamente a partir da segunda metade do século pasado, cando a xente, para afogar as penas da crise económica que chegou tras as guerras, botouse á bebida. E non había bebida máis barata e asequible que a xenebra. Para o século XVIII xa era a bebida nacional por excelencia.

Ata os anos 80 do século pasado a maior parte da poboación consideraba que a xenebra era unha bebida amarga e non se adoitaba pedir nos bares. De feito, os bares da nosa terra tiñan algunha botella de xenebra dispoñible por se viñan turistas ingleses e a pedían, pero non era habitual o seu consumo entre a poboación local. Tanto é así que mesmo lle tiñan que dar outras saídas: usábana para desinfectar a barra e sacar lustro á cubertaría. Pero nos novos tempos as diversas variedades que xurdiron fixeron que hoxe por hoxe mesmo se considere unha bebida propia das clases medias-altas.

E en Galicia temos a nosa propia casa histórica de fabricación de xenebra: Nordés. Esta marca xestouse no ano 2012 cunha reunión de amigos fronte a un prato de polbo nunha pequena casa do concello de Vedra: un recoñecido 'sommelier' que conta co único premio Nariz de Ouro que ten un galego; un empresario de viños galego e un mestre destilador. No salón da que hoxe é a casa-museo de Nordés comezaron a soñar coa idea de elaborar unha xenebra 100 % galega, con ingredientes da súa terra e que fose distinta ás demais, que fose premium non só polo prezo, senón pola calidade, capturando na súa elaboración a esencia da terra galega. 

DESTILADO DE UVA ALBARIÑO E 11 BOTÁNICOS COIDADOSAMENTE SELECCIONADOS

Casa Nordés en Vedra
Casa Nordés en Vedra | Fonte: Cedida

Fresca, aromática, pero sempre equilibrada, cun regusto en boca e cunha botella inspirada na cerámica tradicional de Sargadelos, cun deseño con mapamundi incluído que combina azul e branco (as cores da bandeira de Galicia) e que entra polos ollos a calquera que a ve no andel dun local. E cun nome que non podía ser máis galego: Nordés, como se lle denomina ao vento que anticipa a chegada do bo tempo en Galicia. Como todas as xenebras, o alcol base desta bebida elabórase a partir do destilado de distintos cereais: maíz, cebada e malta, aos que se lle engade o enebro e outras herbas aromáticas.

Pero, no caso de Nordés, hai que sumar o destilado da uva albariño, autóctona de Galicia e a que fai desta xenebra un destilado doado de beber. A primeira Atlantic Galician Gin elabórase co bagazo da uva albariño mercada aos produtores locais na súa maioría, é dicir, aos propios veciños de Vedra. Aínda que pouca xente o sabe, nesta poboación próxima a Santiago hai un gran cultivo de viño albariño, o 10 % do total a nivel galego, cun sabor moi distinto ao do albariño que se cultiva nas Rías Baixas. E é que o clima especial desta terra permitiulle ser, durante moito tempo, a horta de Santiago, pois nela todo o que se plantaba saía adiante e facíao de maneira moi particular, con sabores únicos.

Logo do alcol base e do destilado de uva albariño engádense 11 elementos botánicos, entre os que destacan 6 silvestres galegos: salvia, loureiro, herba luísa, eucalipto, menta piperita e unha planta mariña, a salicornia, que lle outorgan o seu característico aroma balsámico; e 5 botánicos de ultramar, é dicir, chegados de máis aló do Atlántico: o cimbro, o xenxibre, o cardamomo, a flor de hibisco e o té negro. Cada un destes elementos debe macerarse por separado antes de destilarse. E, obviamente, non todos tardan o mesmo tempo, cada un ten a súa duración para poder obter o aroma que se desexa: dende unhas horas ata case un mes nalgúns casos. 

É A XENEBRA MÁIS CONSUMIDA EN ESPAÑA E ESTÁ NO 'TOP 10' A NIVEL MUNDIAL

Esta xenebra galega chegou xa a máis de 47 países dos cinco continentes e a día de hoxe é a xenebra máis consumida en España e está no 'top 10' de xenebras máis consumidas a nivel mundial. O que comezou como unha fantasía de tres amigos convertiuse en realidade e rematou por levar Galicia por todo o mundo. Seis meses lles levou a estes amigos conseguir o sabor de Nordés, e máis de 300 probas de botánicos para quedarse coa selección dos 11 actuais. Así, sumando o alcol base (que parte do cereal), o destilado do bagazo de uva albariño e os 11 botánicos, obtense un sabor único. Outras xenebras que hai no mercado son máis amargas en boca e deixan a temida resaca ao día seguinte, mentres que Nordés logra ser máis suave e sen deixar malestar.

O seu éxito foi tal que dunha produción de 5.000 botellas no ano 2013 pasouse, once anos máis tarde, a unha de 1,6 millóns de botellas, grazas tamén ás instalacións que o grupo Osborne (que se fixo coa marca no 2015) ten no Porto de Santa María (Cádiz). Cando empezaron a cousa era tan básica como unha persoa suxeitando a botella, outra o embudo e outra vertendo a mestura, así embotellaban, dende cero, todo de xeito artesanal. Agora xa está todo máis industrializado, pero cada botánico segue destilándose por separado, algo que diferencia a Nordés das demais xenebras do mercado. É dicir, nunha botella de Nordés hai moitas horas de elaboración. Pero se queres coñecer a historia máis en fondura e experimentar na túa propia carne a experiencia Nordés, que saibas que xa están abertas as visitas guiadas, con degustación e cata incluídas.

As 300 probas de destilados que os tres amigos levaron a cabo
As 300 probas de destilados que os tres amigos levaron a cabo | Fonte: Cedida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

É dizer, já nom é galega, é andaluza. Por que afirmades que si.