A CSIF asegura que o profesorado galego non se beneficiará de toda a suba salarial para empregados públicos

"O profesorado non se vai beneficiar por igual dun incremento necesario pero, en todo caso, insuficiente para facer fronte ao custo da vida e ao incremento do IPC", din desde CSIF

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2024 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

O sindicato CSIF Ensino denunciou este xoves que, segundo apunta, o persoal docente galego non se beneficiará da totalidade da subida salarial do 2% aprobada polo Goberno central para os empregados públicos e que, segundo a orde para a confección de nóminas da Xunta publicada este luns no DOG, farase efectiva coa nómina de xullo.

Desde CSIF consideran isto un "inxusto agravio comparativo que se vai a dar entre os diferentes empregados públicos dentro da administración", xa que "o profesorado non se vai beneficiar por igual dun incremento necesario pero, en todo caso, insuficiente para facer fronte ao custo da vida e ao incremento do IPC".

CSIF, lembran, "foi o único sindicato que se opuxo en Madrid ao acordo de retribucións asinado por UGT e CCOO" co Goberno central, que "supuxo unha perda acumulada de poder adquisitivo do 6,8 por cento desde a firma do devandito acordo en 2022", sosteñen.

"Reiteramos a necesidade de que se asine un novo acordo salarial vinculado ao IPC, con cláusula de revisión salarial, que permita ao conxunto de empregados públicos recuperar a perda de poder adquisitivo acumulado na última década, así como recuperar a estrutura salarial previa aos recortes fixados no Real Decreto-lei 8/2010 e a equiparación salarial entre as distintas administracións públicas", engaden.

No caso do profesorado galego, CSIF culpa ao "acordo de renuncias" asinado por CCOO, ANPE e UGT coa Consellería do ramo, ao que tamén se opuxo a CSIF xunto CIG e STEG. Este acordo "recollía unha serie de subidas en distintos complementos, desde o 1 de xaneiro de 2024, sobre os que non se poderá aplicar ningunha outra mellora", apuntan.

Unha rolda de prensa de CSIF en Pontevedra.
Unha rolda de prensa de CSIF en Pontevedra. | Fonte: CSIF

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

A Consellería de Educación sinalou este xoves que o profesorado galego cobrará "xa desde este mes" o incremento salarial correspondente ao ano 2024 do 2%, cos atrasos correspondentes desde o mes de xaneiro e "incluíndo todos os complementos".

Así o indicou a Xunta en resposta ao sindicato CSIF, que, nun comunicado, aseguraba que parte do profesorado galego non recibiría ese incremento do 2% pactado polo Goberno central para empregados públicos xa que o "acordo de renuncias" asinado por CCOO, ANPE e UGT coa Consellería "recollía unha serie de subidas en distintos complementos, desde o 1 de xaneiro de 2024, sobre os que non se poderá aplicar ningunha outra mellora".

Fronte a iso, Educación sostén que este mes se aplicará o incremento algo que "poderá comprobar todo o profesorado cando reciba a nómina" de xullo. A consellería recoñece que "houbo un erro na confección de nóminas", pero afirma que "xa está a ser corrixido".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta