Alo menos 16 praias galegas rexistraron xa boliñas de chapapote: "A xente di que lles lembra aos anos 90"

Sara Rey, coordinadora da asociación A Mariña sen Plástico, asegura que eles se percataron destas boliñas o sábado pola mañá, pero que xa lles está escribindo xente que as detectara antes. As causas descoñécense.

Por Ángela Precedo | LUGO | 01/08/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia aínda non se recuperou da catástrofe vivida a comezos de ano coa vertedura dos pélets procedentes da perda dun colector do buque 'Toconao', cando os voluntarios xa volven ás praias para facer fronte a unha nova ameaza medioambiental: a chegada de milleiros de boliñas de chapapote ás costas. Na liña que deixaban as mareas estes días nos areais da zona da Mariña había algo diferente: unhas pequenas bólas de cor negra que semellaban carbón e manchaban como tal, pero que, en realidade, se trataba de chapapote. O que podería ser algo puntual, co paso dos días, confirmouse que era algo máis serio, pois aínda seguen chegando boliñas e boliñas a cada vez máis e máis praias do norte de Galicia. As causas polo de agora son descoñecidas. Dende o Galicia Confidencial falamos con Sara Rey, coordinadora da asociación A Mariña sen Plástico, a primeira en dar a voz de alarma.

Chapapote atopado en praias da Mariña
Chapapote atopado en praias da Mariña | Fonte: A Mariña sen Plástico

"Nós démonos conta de que algo estaba pasando o sábado pola mañá (hai seis días), cando baixamos facer surf á praia da Marosa (en Burela) e vimos que, ao subirnos á táboa, deixámola toda manchada de chapapote", conta Sara, que explica que foi entón cando "nos miramos aos pés e vimos que tamén os tiñamos todos manchados". Así, ao saír da auga, prestaron atención para ver se atopaban a substancia responsable na area, e custoulles: "Case non as víamos, pero fixándonos moito vimos que toda a liña da marea estaba chea de boliñas negras de chapapote". Para os bañistas que baixan á praia cre que "é imposible velas a simple vista, porque se atopan mesturadas con restos de alga, de madeira e de cachiños doutras cousas que trae a marea", así que "non se van dar conta de que é iso se non prestan moita atención e se achegan". 

A ALCALDESA DE BURELA, CARMELA LÓPEZ, DI QUE XA DERON AVISO Á XUNTA

Despois de decatarse disto, dende A Mariña sen Plástico puxéronse en contacto co concello de Burela, para alertar. Dende o Goberno local xa organizaron recollidas e a alcaldesa, Carmela López, asegura ao GC que "fixemos o que puidemos na limpeza" e "demos aviso á Xunta", pero "nada máis sabemos". "Non é a típica mancha de chapapote que te podías atopar hai anos, viscosa, é chapapote pero en boliñas, algo moi raro que non vira nunca", asegura Sara. De feito, apunta que "cando o colles, se non o apretas, non mancha, e cando o apretas ou o pisas, desfaise e mancha". "É como se estivese medio seco, blandiño, como plastilina, eu nunca tal cousa vira", indica a moza, que o compara con cachiños de carbón, dunha cor negra moi intensa. 

"XA HAI XENTE QUE NOS ESCRIBE DICINDO QUE SE MANCHARON OS PÉS O XOVES"

Boliña de chapapote
Boliña de chapapote | Fonte: A Mariña sen Plástico

Aínda que dende a asociación viron estas boliñas na liña da marea, afirman que xa houbo xente que lles alertou de que tamén as había na auga. "O luns fixemos unha limpeza en colaboración co concello de Burela e a alcaldesa xa nos dixo que noutras praias da localidade os bañistas foran xunto dos socorristas para dicirlles que había destas boliñas na auga e que se estaban manchando con elas", lembra Sara, que apunta que "tamén dende o Cantiño, outra praia do municipio, chamounos unha rapaza que veu na auga unha mancha máis grande". E aínda que dende A Mariña sen Plástico se percataron de que isto estaba acontecendo o pasado sábado, "hai xente que xa nos está escribindo alertando de que se mancharon os pés o xoves da semana pasada".

"NON CREO QUE SEXA UN 'SENTINAZO', NUNCA ME MANCHEI TANTO"

Sobre o que puido ter causado tal cousa, Sara indica, escéptica, que "lin por aí que podían ser restos dun 'sentinazo' (limpeza dos buques en alta mar), unha práctica que semella ser moi habitual, por desgraza, pero a min paréceme raro que sexa iso, porque entón teríanse que ver máis a miúdo estas boliñas nas praias e eu, que paso moito tempo na praia, nunca me manchei tanto". De feito, lembra que "cando era pequena, falo de hai uns 25 anos, si que era moi típico levar os pés manchados de chapapote para a casa, pero non así tanto como agora, e xa facía moitísimos anos que non me pasaba". Ademais, conta que "o outro día xente na praia da Marosa xa dicía que lles lembraba ao que se atopaban nos 90". "Se fose algo moi habitual non sorprendería tanto á xente e habería que velo máis a miúdo", plantexa a moza, que considera que "máis ben paréceme que pode tratarse dunha vertedura" e agarda que se esclareza o asunto canto antes.

"É MOI COMPLICADO SEPARALAS DA AREA E DAS ALGAS PARA LIMPALAS"

A Mariña foi unha das zonas de Galicia na que non chegaron tanto os pélets como si o fixeron á costa atlántica, quizáis porque "aquí sempre houbo pélets, non notei moito a diferenza cando pasou a vertedura". Agora, sen embargo, isto do chapapote estalles tocando de cheo, xa non queda un concello da zona no que non houbese algunha alerta de avistamento destas boliñas. Dende que se deu o aviso a xente tamén se fixa máis, pois doutro xeito "é case imposible velas". Como tamén case imposible é poder eliminalas ou recollelas, pois, como explica Sara, "están pegadas a algas e outros restos e é moi complicado separalas da area". "Levamos cribas para limpar e na area seca si conseguimos sacar algúns, pero quedábanse pegados ás algas e, na area mollada, xa é imposible sacalos sen levar o outro material que forma parte da praia", explica.

SALVAMENTO MARÍTIMO NON DETECTOU NINGUNHA DESCARGA

Fontes de Salvamento Marítimo explicaron que se atopan "investigando a orixe" destas pequenas bólas detectadas na costa norte de Galicia. Nun principio, parecen hidrocarburos "moi degradados de orixe indeterminada" e Salvamento "non ten un sospeitoso" xa que as imaxes satélites recentes "non alertan" de ningunha detección "nin hai noticia" de ningunha descarga operacional nin accidental. "Ninguén en mar informou do avistamento", aseguraron as mesmas fontes. Con todo, o avión AS305 sobrevoará a zona e informará tras o operativo.

LISTADO DE AVISTAMENTOS EN GALICIA

- Praia das Illas (Ribadeo)

- Praia de Reinante (Barreiros)

- Praia de Lóngara (Barreiros)

- Praia Coto (Barreiros)

- Praia da Areoura (Foz)

- Praia de Burela (Burela)

- Praia de Portelo (Burela)

- Praia do Cabaliño (Burela)

- Praia da Marosa (Burela)

- Praia Lago (Xove)

- Praia do Peiral (Cariño)

- Praia de Campelo (Valdoviño)

- Praia de Santa Comba (Ferrol)

- Praia de Razo (Carballo)

- Praia das Torradas (Malpica de Bergantiños)

- Praia dos Cans (Illa de Ons)

Bañista cos pés manchados de chapapote
Bañista cos pés manchados de chapapote | Fonte: A Mariña sen Plástico
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta