Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/08/2024 | Actualizada ás 16:09
A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou a sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra na que condenou a seis anos de cárcere a un acusado de cometer un delito de abuso sexual con penetración mentres a vítima durmía.
O tribunal de primeira instancia impúxolle a prohibición de aproximarse a menos de 500 metros da prexudicada e de comunicase con ela durante oito anos, así como o pago dunha indemnización de 15.221 euros polas lesións psíquicas e físicas sufridas.
O acusado, segundo os feitos probados recollidos na sentenza, acudiu de madrugada, acompañado por outra persoa, a casa dunha amiga da vítima, en Vilagarcía de Arousa, que tamén estaba na vivenda. Despois de varias horas nas que estiveron a bailar e falando, a moza decidiu irse a durmir a unha das habitacións, onde, pouco despois, acudiu o procesado, quen se deitou na mesma cama que ela, sen que a vítima fose consciente porque estaba durmida. O condenado aproveitou esa circunstancia, segundo o fallo, para abusar sexualmente dela.
Os maxistrados consideran acreditados os feitos, apoiándose, principalmente, no testemuño da vítima, o cal foi corroborando por elementos periféricos, entre eles as declaracións das outras dúas persoas que se atopaban no inmoble e os informes dos médicos forenses. "Incluso atopándose nun estado de inconsciencia polo soño, ante a percepción do contacto e ignorando que pasaba realmente, quitou de si as mans do procesado", remarcou o TSXG no referente ao consentimento.
Ademais, afirmou que "non alberga ningunha dúbida" sobre a autoría dos feitos nin sobre as circunstancias en que se desenvolveron. A sentenza non é firme xa que contra ela cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.