Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/08/2024 | Actualizada ás 17:43
O Sindicato Labrego Galego (SLG) convocou para o vindeiro mércores, 14 de agosto, unha concentración en Ourense para demandar medidas ante a enfermidade hemorráxica hepizoótica.
Nunha nota de prensa, a organización agraria estima que as perdas debido a esta enfermidade que afecta a explotacións bovinas poden chegar a superar a día de hoxe os 20 millóns de euros. Ademais da perda económica derivada da morte dos animais, a adquisición dos tratamentos preventivos, antiinflamatorios ou antibióticos que se deben empregar "leva un importante gasto" que, segundo sinala, "pode chegar aos 400 euros por animal afectado".
Este incremento dos custos, apunta o sindicado, "empeora a vulnerabilidade económica das gandarías, afectadas nestes momentos pola baixada de prezos tanto no sector cárnico como no lácteo".
Neste contexto, o SLG convocou unha concentración o vindeiro mércores, ás 12.00 horas, ante a sede da Consellería do Medio Rural en Ourense para demandar á Xunta que, "ademais de cubrir a morte dos animais, lexisle con carácter inmediato para cubrir o 100% dos citados gastos veterinarios derivados desta enfermidade, así como o lucro cesante provocado tanto pola perda produtiva dos animais que falecen como polos que finalmente sobreviven".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.