Miguel Calvo, presidente de Procegal: "Nos meus 41 anos non lembro unha colleita de trigo tan mala como a deste ano"

Xa rematada a recollida, realizada entre a primeira e a última semana de agosto, lamenta que "tivemos un inverno moi chuvioso e con moitísima humidade, o que provocou que en moitas zonas de Galicia non se puidese sequera entrar a cultivar as leiras", convertidas en auténticas lameiras polas incesantes choivas.

Por Ángela Precedo | LUGO | 23/09/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Rematada a campaña de recollida do trigo en Galicia é tempo de facer balance e valorar como foi este ano atípico no que a tempo se refire. E é que aínda que moitas veces o trigo é un deses cultivos que pasa desapercibido por non ser tan abundante na nosa terra coma outros, Galicia conta con 37.000 hectáreas adicadas ao cultivo de cereal, das cales só 14.000 se empregan para o cultivo de trigo. Ademais, ben é certo que coa colleita propia non chega, polo que a comunidade ten que importar dúas de cada tres toneladas deste cereal empregadas para o consumo das persoas ou dos animais. Ante estes datos, Miguel Calvo Bello, presidente da Asociación de Produtores de Cereal Galego (Procegal), lamenta a negativa colleita deste 2024 e bota contas dunha realidade que, unha vez máis, evidencia as negativas consecuencias do cambio climático para Galicia.

Recollida de trigo na parroquia de Calvo, a 31 de xullo de 2023, en Abadín
Recollida de trigo na parroquia de Calvo, a 31 de xullo de 2023, en Abadín | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

En concreto, a recollida do trigo levouse a cabo entre a primeira e a última semana do mes de agosto. Como apunta Miguel, "é certo que a colleita desta tempada foi moi especial, negativamente falando, porque o que aconteceu este ano hai moito tempo que non pasaba". Lamenta que "tivemos un inverno moi chuvioso e con moitísima humidade, o que provocou que en moitas zonas de Galicia non se puidese sequera entrar a cultivar as leiras", convertidas en auténticas lameiras polas incesantes choivas. Deste xeito, e tendo en conta que a sementeira adoita facerse nos meses de novembro, decembro, xaneiro e febreiro (agás no tocante ao cultivo de tremesino, que adoita realizarse entre abril e maio, polo que non se viu afectado en tan magna medida), "atopámonos con moitos problemas de encharcamento nas terras". Isto dificultou a entrada con tractores nas fincas, pero, para aquelas terras que si foron sementadas, a cousa non foi mellor, pois "moita semente morreu" e non chegou á colleita. 

"HAI PARROQUIAS DE VILALBA NAS QUE O ANO PASADO HABÍA TRANQUILAMENTE 10 HECTÁREAS PLANTADAS E, ESTE ANOS, APENAS SE PUIDERON BOTAR DÚAS"

Miguel apunta a que na zona da Terra Chá, "hai casos concretos de parroquias, como algunha pertencente ao concello de Vilalba, nas que ao mellor o ano pasado tranquilamente había 10 hectáreas plantadas e, este ano, apenas se puideron botar dúas, duns tres ferrados ou así, non máis". A situación é dramática, pois o presidente de Procegal asegura que "nos meus 41 anos non vin cousa semellante, e iso que levo axudando a meu pai dende que tiña 14 ou 15, pero non lembro que algo así sucedera nunca antes". Aínda que, sobre as dificultades dos tractores para entrar nas terras, concede que "tamén é certo que a maquinaria actual xa non é coma a de antes, é máis pesada e, polo tanto, en zonas encharcadas afunde máis facilmente e cústalle entrar". Por iso, para Miguel outra problemática engadida é o tamaño actual das fincas: "Deberían ter outras extensións para que, se pasan estas cousas, alo menos haxa lugares que se salven e non morra toda a colleita, directamente".

No tocante á perda económica que pode supoñer este mal ano de colleita, Miguel apunta que, "no caso concreto do cereal, este sempre foi cultivado en Galicia dende o punto de vista do autosustento, é dicir, os agricultores botaban para consumir eles, para o propio autoconsumo", de tal xeito que, "cando recollían o trigo, ían ao muíño con el e obtiñan fariña que posteriormente empregaban para facer pan ou para poder darlle aos animais durante o inverno". Agora, se ben é certo que "cada vez iso vai a menos e a xente que se interesa polo cultivo do cereal faino máis a grande escala, tamén persiste o autoabastecemento en moitas zonas". É por iso que o impacto económico non se pode analizar igual nuns casos que noutros. Para aquelas grandes extensións de terreo adicadas ao cultivo de trigo para a venda o impacto tivo que ser notable, mentres que para as pequenas fincas caseiras só supuxo non dispoñer de tanta fariña coma outros anos.

Un tractor durante a recollida de trigo na parroquia de Calvo, a 31 de xullo de 2023, en Abadín, Lugo
Un tractor durante a recollida de trigo na parroquia de Calvo, a 31 de xullo de 2023, en Abadín, Lugo | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

"NUN ANO TAN MOLLADO COMA ESTE, SE O TERREO PASA MOITO TEMPO ANEGADO, A SEMENTE QUE ÍA SAÍR MORRE DURANTE O INVERNO E PÉRDESE"

Para entender mellor a problemática do impacto da choiva sobre os campos de cultivo de trigo, o presidente de Procegal explica que "aínda que o cereal que se bota en novembro está moi adaptado a Galicia, é autóctono, cando lle vén un ano moi mollado, no caso de que xermine, o que xa suporía ter un gran paso dado, sofre encharcamento, de tal xeito que se o terreo pasa moito tempo anegado, a semente que ía saír morre durante o inverno e pérdese". Como consecuencia, e debido a que non se perde toda a semente á vez, senón que hai zonas onde pode saír adiante e outras nas que non, dentro da mesma leira, "quedan moitas calvas, o que permite que as herbas nazan con máis facilidade, xa que estase intentando usar o mínimo de sulfatos posible, e vaian pouco a pouco gañando a batalla a todo o resto do cereal, porque lle come o sustento presente no terreo". Así as cousas, a realidade é que "se non pañas esas herbas, non recolles nada de cereal, nin sequera aquel que chegou a sobrevivir ás choivas", conclúe Miguel.

Este ano colleu co pé cambiado a moitos agricultores, acostumados a enfrontarse a enfermidades como a 'roya amarela' ou o 'mal do pé', pero non a un tempo cambiante onde predomina a humidade e a choiva. De feito, Miguel expón que "botamos uns anos no que respecta á climatoloxía nos que nos viña un mes de setembro tan bo coma o de agosto, pero agora xa van dous ou tres nos que non sucede isto". E aínda que poida semellar que o mes de setembro dá igual, hai cereais máis aló do trigo que se ven igualmente afectados polo tempo, como pode ser o altramuz, ou terras nas que se practica a rotación de cultivos nas que a problemática está a ser importante. "Antes tiñamos un mes de setembro con certas garantías de que climatoloxicamente ía ser case tan bo coma agosto, a pesares de que os días fosen máis curtos, pero levamos xa tres anos nos que non está a ser así", conclúe o presidente de Procegal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta